Escoitar

O Concello pagou no último trimestre 30 millóns a provedores cun prazo medio de 9 días

O Pleno Municipal do Concello de Vigo abordou este mércores a situación actual do cumprimento do Orzamento 2020 e o pago a provedores. O concelleiro de Facenda explicou que o goberno local abonou un total de 30 millóns en facturas no último trimestre, cunha media de 9 días, e sinalou que neste ano xa están executados 135 millóns das partidas económicas.

mércores, 25 nov 2020

A Corporación Municipal de Vigo tomou coñecemento este mércores do informe de Tesourería sobre o cumprimento dos prazos para o pago das obrigas correspondente ao segundo trimestre do ano, meses nos que a media situouse nos doce días.

Durante o Pleno ordinario de novembro, o edil de Facenda, Jaime Aneiros, indicou que neste trimestre se efectuaron 30 millóns en pagos, cun prazo de abono aos provedores municipais que quedou en nove días no mes de xuño, á cabeza das entidades locais en España. Ademais, sinalou que no que vai de ano abonáronse a provedores un total de 90 millóns.

En materia económica, Aneiros deu conta do estado de gasto do orzamento no terceiro trimestre, cun volume en execución de 135 millóns de euros, e destacou a atención ás 10.700 familias que recibiron axudas de emerxencia, ás 3.000 que reciben axudas de comedor, mulleres de acollida, atención domiciliario ou o Servizo de Axuda no Fogar.

Tamén sinalou que, no contexto de pandemia, o goberno local aprazou os impostos tres veces e axudou ao comercio e hostalería eliminando as taxas de lixo, auga e vados.

Pola súa banda, o grupo mixto e o concelleiro non adscrito destacaron que a execución do orzamento do presente ano é insuficiente a pesar da atenuante da pandemia, que introduciu circunstancias imprevistas. Reclamaron ademais, ao igual que o grupo municipal do PP, o cumprimento dos gastos e dos investimentos previsto nas partidas económicas para este ano.