Escoitar

O Pleno aproba por unanimidade dar apoio ao pobo saharauí e reforzar o programa “Vacacións en Paz”

O Pleno Municipal do Concello de Vigo aprobou este mércores unha moción do grupo mixto instando ao Goberno do Estado a establecer un traballo diplomático para dar apoio ao pobo saharauí e defender a integridade do seu territorio. Ademais, o Concello deberá reforzar o programa “Vacacións en Paz” para acoller en verano a nenos procedentes do Sáhara Occidental.

mércores, 25 nov 2020

A Corporación Municipal aprobou por unanimidade este mércores, no Pleno Ordinario de novembro, instar ao Goberno de España, nas súas múltiples facetas en política exterior, a establecer un traballo diplomático para evitar a guerra sen que signifique a renuncia do pobo saharauí a defender a integridade do seu territorio e os dereitos humanos da poboación afectada pola ocupación marroquí.

Ademais, a moción presentada polo grupo mixto, a través do concelleiro Rubén Pérez (Marea de Vigo), acorda que o Concello de Vigo reforce a súa solidariedade co pobo saharauí especialmente neste momento, reforzando o programa “Vacacións en Paz”, suspendido pola situación derivada da crise do Covid-19, e sendo unha institución que traballe pola paz e os dereitos humanos no Sáhara Occidental.

Todos os grupos municipais votaron a favor da proposta orixinal antes de ser rexeitada unha emenda do concelleiro non adscrito por parte do PSOE.