Escoitar

A xestión do Plan municipal de emprego beneficiou a máis de 7.000 vigueses e acadou un incremento do orzamento dun 720%

Máis de 7.000 vigueses foron beneficiarios do Plan municipal de emprego 2000-2003, segundo os datos que ofrece a memoria da Concellería de Desenvolvemento Local e Emprego, presentada polo concelleiro en funcións Delfín Fernández.

luns, 2 xuñ 2003
1054553615m2.jpg
Publicación
Deste xeito, a acción personalizada do Servicio de orientación laboral (SOL) chegou a un total de 4.459 persoas, e no caso do Servicio de asesoramento a emprendedores (SAE), a 1.736.

No acto de presentación da memoria, o concelleiro destacou a “espectacular evolución do orzamento” nesta lexislatura que agora remata, na que de 370.824 euros en 1999 pasouse a 2.672.968 euros no presente ano 2003; o que supuxo un incremento total durante os catro anos dun 720,82 %. Para Delfín Fernández Álvarez estas cifras poñen de manifesto a conversión da promoción local do emprego como unha das políticas relevantes no Goberno municipal saínte, consolidándose non só técnica e administrativamente, senón tamén financeiramente.

Tamén, no desenvolvemento do Programa municipal de integración laboral (PROMIL), que naceu no ano 2001 como unha nova ferramenta de apoio á inserción laboral dos desempregados de longa duración con necesidade social e con financiamento exclusivamente municipal, realizáronse 227 contratacións cunha duración dun ano. As brigadas de traballadores deste programa remataron 5.843 m2 de beirarrúas, pavimentaron 158.646 m2 de rúas e camiños, substituíron 50.604 metros de cable de tendido eléctrico e realizaron xardíns abarcando unha superficie de 15.000 m2; todas estas obras de interese municipal e de mellora da calidade de vida dos habitantes do municipio.

Entre os proxectos europeos xestionados, segundo a memoria presentada, destaca o proxecto Sísifo, de inserción laboral de rapaces de 16-20 anos con fracaso escolar; o Asiste e o Abeiro, na actualidade en marcha, co obxecto de capacitar a mulleres desempregadas de longa duración en atención ás persoas da Terceira idade e con problemas de saúde mental; e o proxecto Compás de mellora da ocupabilidade de desempregados da área metropolitana.

Co cofinanciamento da Xunta de Galicia desenvolvéronse no marco do PME o Obradoiro de emprego “Vigozoo”, as Escolas-obradoiro “Xardín Histórico” e “Mar de Vigo” e contratáronse nos Programas de cooperación Xunta de Galicia-Concello un total de 245 persoas desempregadas.
Descargar todas as imaxes

Máis información