Escoitar

O proxecto de humanización da praza de Compostela contempla a creación dun novo parking subterráneo

O concelleiro de Vías e Obras en funcións, Uxío González, presentou o proxecto de humanización do contorno da praza de Compostela que reordena os usos dos viais e renova as redes de saneamento, abastecemento e servicios. O orzamento previsto é de 6.200.000 euros.

venres, 30 mai 2003
González presentou tamén os proxectos de humanización da rúa Doutor González Sierra, cun orzamento de 390.000 euros e de reconstrucción dunha pérgola deseñada polo arquitecto Jenaro de la Fuente en 1928.

No proxecto de humanización do contorno da praza de Compostela proponse a peonalización completa do vial norte da alameda con acceso restrinxido de vehículos aos locais e vivendas.

A pavimentación da calzada nas rúas Luis Taboada, Concepción Arenal, Carral, Pablo Morillo, Castelar e no vial norte da alameda realizarase cun enlousado de pedra nun único nivel. Como complemento á pavimentación, disporase un bordo de granito negro que realice as funcións de rígola e delimite xunto aos bolardos e o mobiliario urbano os distintos usos da área.

As rúas Victoria e García Olloqui seguirán sendo parte do vial do bordo litoral da cidade polo que terán unha tipoloxía concreta. O pavimento será asfáltico e adecuado para o paso de tráfico pesado cando sexa necesario. No seu deseño elimináronse as barreiras arquitectónicas xa definidas no Plan especial de actuación para a accesibilidade.

A execución realizarase por fases coa intención de permitir a actividade urbana mentres se desenvolven as obras, cunha duración estimada de 18 meses.