Escoitar

Comeza a expropiación de terreos para a ampliación da rúa Manuel Álvarez

O Consello da Xerencia de Urbanismo aprobou o proxecto de expropiación de terreos para a ampliación da rúa Manuel Álvarez, un vial que une Ramón Nieto coa estrada vella de Madrid. En total vanse expropiar 5.488 m2 que corresponden a 79 propiedades diferentes. O proxecto de urbanización de Manuel Álvarez, que prevé a ampliación do vial a 14 metros de ancho, será sometido a aprobación a vindeira semana.

venres, 30 mai 2003
O proxecto de urbanización de Manuel Álvarez é o derradeiro dos elaborados polo goberno municipal para mellorar a rede viaria da parroquia de Lavadores. Anteriormente, o Concello preparou os proxectos correspondentes ás rúas Severino Cobas e Bagunda.

O concelleiro de Urbanismo, Xavier Toba, explicou que co remate destes proxectos o goberno municipal cumpre co compromiso adquirido no convenio asinado coa CPTOP. Daquela o Concello comprometérase a redactar proxectos e poñer a disposición da Xunta os terreos necesarios para que a Consellería executará diversas obras en Vigo.

En virtude dese convenio xa se realizaron traballos de mellora da seguridade vial en Zamáns, estanse executando os traballos de urbanización da estrada vella de Madrid, o Concello puxo a disposición da Xunta os terreos para a prolongación da rúa Pedro Alvarado e agora entrégalle á administración autonómica os proxectos para mellorar a rede viaria de Lavadores e os terreos necesarios para poder afrontar as obras.