Escoitar

Caballero compromete máis apoio á Vigo430 e eloxia a súa calidade "equiparable ás grandes sinfónicas de Galicia"

O alcalde, Abel Caballero, e o concelleiro de Cultura, Cayetano Rodríguez, acompañaron ao director artístico da Vigo 430, Javier Escobar, na presentación este venres do programa da orquestra para a tempada 17-18, un total de dez concertos que comezan este domingo.

venres, 6 out 2017
1507306041430.JPG
Na súa intervención, Abel Caballero subliñou a "magnífica acción cultural" que promove a formación en Vigo coa súa nova tempada de concertos e manifestou que a Vigo 430 "se vai constituir nunha das grandes orquestras sinfónicas de España". O alcalde felicitóunos por un "gran proxecto" xurdido "de abaixo arriba" cunha calidade "equirable ás grandes sinfónicas de Galicia" e comprometeu un incremento do apoio económico do Concello.

O director artístico da Vigo 430, Javier Escobar, explicou que a calidade e a xuventude definen á nomeada orquestra, que xa é considerada como a terceira de Galicia. Escobar agradeceu o apoio do Concello de Vigo.

A Vigo 430 programa un total de dez concertos para a nova tempada, a razón dunha actuación por mes desde o actual ata xullo do próximo ano. Dos dez concertos, catro estarán protagonizados pola Orquestra Sinfónica, un será en formato orquestra de cámara, dous correrán a cargo da orquestra Xove, outros tantos da Ensemble Vigo430 e un, pola orquestra barroca.

Segundo apuntaba o propio alcalde na presentación, o obxectivo é que o traballo da Vigo 430 chegue a todo Vigo, polo que as actuacións terán lugar en distintos emprazamentos, como o Auditorio Mar de Vigo, o Auditorio municipal do Concello, a sala de concertos Afundación e o Auditorio Martín Códax, que acolle os días oito e nove deste mes a posta de largo da nova tempada. Así, as dúas datas a Orquestra Xove Vigo 430 interpretará pezas de Mozart con Inés Issel como solista baixo a direcciónd de Roberto Baltar.

Como novidades da programación cabe salientar un aumento na colaboración con outras entidades culturais, como é o caso dos coros "Gli Appassionati", "Rías Baixas", a Fundación "Igual Arte" ou a Asociación de Violoncellistas de Galicia. Ademais, as actuacións serán máis interdisciplinares coa presenza da danza nos programas das orquestras Xove e Barroca. Se mantén a participación de solistas de primeiro nivel internacional e de músicos invitados.
Descargar todas as imaxes

Máis información