Escoitar

O Concello investirá 850.000 euros na humanización do Barrio de Ribadavia e a rúa Colombia

A Xerencia de Urbanismo deu luz verde ao expediente de contratación das obras que mellorarán esta zona de San Roque, que se une á humanización xa prevista na rúa Colombia.

xoves, 7 set 2017
O alcalde explicou que o proxecto de urbanización previsto en San Roque, no coñecido como Barrio de Ribadavia, supón unha mellora e humanización desta zona que enlazará coas obras "aprobadas e en proceso de inicio" na rúa Colombia polo que o investimento total na contorna acada os 850.000 euros.

A Xerencia de Urbanismo aprobou este xoves o expediente e os pregos de contratación das obras de urbanización do PERI de San Roque, Barrio de Ribadavia, que supoñerán un investimento de case 350.000 euros e que comprende a mellora da parte traseira do novo centro comercial que se constrúe na rúa Pizarro e a comunicación coa rúa Colombia.

Nesta rúa está prevista tamén a Fase I de humanización, entre a Praza Isabel A Católica e a rúa Couto Piñeiro, cun orzamento de case 500.000 euros e que inclúe a renovación do pavimento, o mantemento da rede de abastecemento, nova instalación da rede de rego e de saneamento, nova canalización de alumeado e renovación do mobiliario e ornamentación.