Escoitar

A vangarda da pedagoxía participa no encontro "Aprender a convivir"

A Concellería de Educación organiza do 11 ao 13 de marzo no Centro Cultural Caixanova as xornadas municipais "Aprender a convivir".

luns, 10 mar 2003
1047296299aprendera.jpg
Logotipo das xornadas
Os mellores pedagogos de España daranse cita en Vigo para dar a coñecer as súas experiencias no programa "Aprender a convivir", demandado pola comunidade educativa e por colectivos de mulleres preocupados pola existencia de violencia na sociedade.

Profesorado dos centros participantes no programa explicarán os seus traballos e preocupacións ao redor da convivencia pacífica. Ademais, contarase con investigadores de recoñecido prestixio que exporán tres experiencias innovadoras pola súa calidade e interese.

O catedrático de Didáctica da Universidade de Valencia José Gimeno Sacristán disertará o 11 de marzo sobre "Educar e convivir na era da cultura global", a profesora da Universidade de Barcelona Montserrat Moreno falará o 12 de marzo sobre "Resolución de conflictos e aprendizaxe emocional, unha perspectiva de xénero" e o catedrático de Didáctica da Universidade da Coruña Jurjo Torres Santomé explicará o 13 de marzo o tema "Educar en tempos de neoliberalismo". Estas conferencias serán ás 18:00 horas.

Haberá todos os días ás 20:00 horas unha mesa de experiencias na que centros de fóra de Galicia presentarán as súas experiencias en temas de educación para a convivencia e resolución de conflictos.

Ademais participarán centros de Vigo que aplican o programa educativo "Aprender a convivir". Así, o 11 de marzo será a quenda para as experiencias de Victoria Martínez e Raquel Moreno, xefa de estudios e profesora do CEIP Julián Besteiro de Getafe (Madrid) e para a experiencia do IES de Teis, que será presentada por Fernando Carrasco (orientador), Antonio Vázquez (director) e estudiantes da ESO que contarán a súa experiencia como mediadores.

O 12 de marzo presentarase a experiencia sobre mediación escolar de Mireia Uranga, profesora de secundaria no País Vasco, e para a experiencia de Ramiro Taboada González (mestre e coordinador de orientación) e José Ignacio Parajó Calvo (director) do colexio Miralba-Xesuitinas de Vigo, que falarán das actividades que están a desenvolver no seu centro en temas de paz e convivencia.

O último día das xornadas, 13 de marzo, será o turno para Isabel Fernández, directora do IES Pradolongo de Madrid que contará a súa experiencia sobre "alumno axudante", e de Fina Fernández e Luisa Mª del Carmen Braña, profesoras de Primaria e Infantil do Colexio Javier Sensat de Vigo, que explicarán as actividades desenvolvidas nas etapas de Educación infantil e Primaria do seu centro. María Barral, da Asociación de Nais e Pais, contará as actividades desenvolvidas en relación ás nais e pais.

Con estas xornadas municipais "Aprender a convivir", os organizadores non só queren traer unha serie de expertos e de experiencias de recoñecido prestixio, senón tamén presentarlle á sociedade viguesa os primeiros froitos prácticos deste programa no que están inscritos 28 centros da cidade, públicos e privados concertados.

Será, polo tanto, un bo espacio para permitir analizar o que achega este programa e as necesidades que se poidan detectar para o futuro.

Estas xornadas pretenden ser un recurso máis para profundizar nos obxectivos do programa desde a necesaria unión entre teoría e práctica, entre a reflexión e as propostas de acción. A entrada é libre ata completar o aforo. As inscricións poden facerse a través de ime@vigo.org ou no teléfono 986-204912.
Descargar todas as imaxes