Escoitar

A Concellería de Festas adicará este ano 100.000 euros a subvencionar actividades socioculturais

luns, 10 mar 2003
A Concellería de Festas e Animación Sociocultural adicará este ano un orzamento de 100.000 euros para subvenciona-las actividades socioculturais, co obxectivo de apoia-los programas realizados por entidades ou particulares que complementen a programación e os servicios municipais neste ámbito.

Téntase coa convocatoria de subvencións favorece-lo desenvolvemento dos programas e actividades socioculturais promovidos polas asociacións veciñais e culturais para a defensa dos intereses xerais ou sectoriais dos veciños, así como estimula-la participación dos diversos axentes socioculturais locais.

O prazo para solicitar as subvencións rematará o próximo 7 de abril, e as bases atoparanse expostas no taboleiro de anuncios do Concello e no Rexistro Xeral, e en calquera caso a axuda da Concellería non poderá excede-lo 50 por cento do custo definitivo da actividade á que se aplique.

Á hora de concede-las axudas analizaranse, entre outros aspectos o nivel de calidade do proxecto de programación, o seu ámbito de aplicación, as modalidades de financiamento dos proxectos e achegas económicas dos solicitantes, a duración e posibilidades de continuidade do programa ou actividade en anos sucesivos e os resultados obtidos polos solicitantes en anteriores subvencións outorgadas polo Concello de Vigo.

Os programas e actividades subvencionables serán os que teñan carácter xeral; os específicos de actividades como música, teatro, danza, artes plásticas, etc. ou as festas populares e tradicionais.