Escoitar

Caballero di que a Nocturna Correndo por Vigo, o 10 de xuño, "xa ten pedigree"

A quinta edición da Nocturna Correndo por Vigo, patrocinada polo mercado das Travesas e os comerciantes da zona (Aetravi), disputarase este ano o vindeiro día 10 ás 22:00 horas, segundo anunciou o alcalde da cidade, Abel Caballero, na presentación do evento dentro do propio mercado, que o rexedor visitou tamén aproveitando o acto.

xoves, 1 xuñ 2017
1496322584correndo.jpg
A proba, que xa é a máis importante da cidade no que se refire ás carreiras no seu casco urbano, cambia de data (os primeiros anos correuse en maio e na pasada edición en xullo) pero non de percorrido, pois se mantén o mesmo circuíto dende 2015. 

"É unha gran proba deportiva e cunha hora estupenda para correr", sinalou Caballero, que chanceou coa distancia: "Só son dez quilómetros, que se corren como nada", dixo. E lembrou que por segundo ano consecutivo suscítase, saíndo ao tempo, unha carreira de 5.000 para quen prefira dar só unha volta ao circuíto. O alcalde dixo que o runner intenta acadar un mellor posto na clasificación ou "compite contra si mesmo e contra a súa marca".

Caballero, que pediu que para o ano se convoque tamén unha carreira nocturna de 1.000 metros, que considerou en ton humorístico que si podería facer, indicou que esta proba "ten o seu pedigree e aceptación".

Pola súa banda, David Posada, o organizador, sinalou que se manteñen as probas de nenos (ás 21:00 horas) "porque son os que acabarán correndo dentro duns anos", anunciou que xa hai mil inscritos e tamén que espera contar con 1.200, aínda que non descarta chegar aos 1.400 si hai moita demanda. Os nenos terán medalla participativa e non haberá vencedores nin vencidos porque "o obxectivo é fomentar a práctica do deporte".

Ademais, Posada dixo que as inscrición, ata o día 6, se poden realizar a través da web da carreira e que aspiran a "que sexa considerada tamén como un evento turístico" pois moitos corredores vindos de fóra pernoctarán en Vigo. Para iso ofertou viaxes a Cíes ao día seguinte coa naviera Nabia.

Pola súa banda, o xerente do mercado de Travesas, Delmiro Hermida, afirmou que tras estudar esta proposta que anos atrás lles pareceu "un pouco arriscada", agora "estamos encantados con participar neste evento; a función do mercado é interactuar co barrio e darlle vida á nosa zona".

A carreira ten saída e chegada no mercado das Travesas e toca Florida, Praza de América e Castelao, ademais doutras rúas. Na presentación, xunto co alcalde, estiveron os concelleiros Manel Fernández e David Regades.
Descargar todas as imaxes