Escoitar

O Concello aproba a concesión de licencias en núcleos rurais recoñecidos como urbanos no PXOM de 2008

Co apoio unámime do Pleno celebrado este mércores, o levantamento da suspensión de licenzas afecta a 24 núcleos do municipio olívico nos que se poderán construír vivendas unifamiliares, segundo expuxo a concelleira María José Caride.

mércores, 31 mai 2017
A unanimidade do Pleno declarou extinguida este mércores a suspensión de licenzas acordada naquelas parcelas do núcleo rural no PXOM de 1993 que no PXOM de 2008 xa teñan recoñecidas a condición de solo urbano consolidado ou solo do núcleo rural e que quedaran suprimidas coa anulación do plan por parte do Tribunal Supremo.

A edil de Urbanismo, María Xosé Caride explicou que malia a suspensión de licenzas, a realidade evidenciou que os 24 núcleos "contan cos servizos necesarios" para construír estando así habilitados como solares, de maneira que "se pode levantar a suspensión". Cualificando a medida como "vía rápida" para permitir actuar e facilitar o acceso das familias a vivendas unifamiliares afirmou que cómpre ir "caso a caso" para comprobar que dispoñen destes servizos.

Rubén Pérez, voceiro de Marea de Vigo referiuse á medida como "boa nova e boa solución para as familias" pero criticou que chegue tarde, un reproche no que coincide coa voceira do grupo popular, Elena Muñoz, quen afirmou "non entender o atraso" nesta cuestión nin nos avances do Plan Xeral de Ordenación Municipal. A este respecto, Caride reprendeu á Xunta de Galicia pola súa tardanza á hora de responder ás demandas do Concello tardando "tres meses en pronunciarse sobre a proposta de cofinanciamento do Plan Xeral", para o que xa contan co borrador do convenio.