Escoitar

Caballero censura a connivencia de Xunta e Goberno para que Vigo non teña AVE directo a Madrid

O alcalde avanzou esta mañá que o anuncio das mobilizacións sociais en favor da alta velocidade en Vigo conseguiu que desde Fomento solicitaran, logo de dous anos e medio, informes sobre a Declaración de Impacto Ambiental. Na súa opinión, o Goberno Central, coa connivencia da Xunta, non ten vontade algunha de avanzar na variante de Cerdedo, tal e como evidencia unha carta do responsable de Fomento, Íñigo de la Serna.

mércores, 31 mai 2017
Caballero deu conta esta mañá da recepción da dunha carta do ministro de Fomento en resposta á resolución do Consello Social que se lle enviou o 17 de abril no que se demandaba o AVE directo Vigo-Madrid por Cerdedo e se denunciaba que a Declaración de Impacto Ambiental leva dous anos parada. Segundo o rexedor, a resposta do ministro evidencia o nulo interese do Goberno Central por avanzar nesta variante que leva dous anos e medio no trámite de Impacto Ambiental, "esperando por informes que poderían estar resoltos nun mes".

A carta di textualmente que esta Declaración "se encuentra pendiente de que la Confederación Hidrográfica Miño-Sil, Augas de Galicia y la Dirección Xeral de Conservación de la Naturaleza de la Xunta de Galicia emitan informe sobre a información complementaria que se les ha remitido". O alcalde lembrou que Fomento solicitou a Declaración de Impacto Ambiental para un tramo de 3 quilómetros ao Ministerio de Medio Ambiente o 8 de xaneiro de 2015, "e nese tempo podería terse tramitado a declaración do túnel do Canal de la Mancha", ironizou.

En opinión do alcalde, a resposta do Ministro "é unha confesión de que non o queren facer, de que o proxecto está metido nun caixón". Esta falta de compromiso do Executivo ten apoio no goberno autonómico e censurou a "connivencia" de ambas administracións para que Vigo non teña AVE directo a Madrid.

Para rematar, Caballero lembrou o inicio das mobilizacións sociais co concerto reivindicativo que o Concello organizará o 14 de xuño, ás 20,30 h, na Porta do Sol. Insistiu en que os atrasos da variante de Cerdedo son unha "absoluta tomadura de pelo" e advertiu de que "lles imos arrancar o AVE directo a Madrid".