Escoitar

O alcalde asegura que a candidatura da Xunta a Patrimonio da Humanidade incumpre directrices da UNESCO

Caballero citou este xoves artigos das Directrices Prácticas para a Aplicación da Convención do Patrimonio Mundial da UNESCO que incumpriría a proposta da Xunta para as Illas Atlánticas ao carecer de respaldo social: "a Xunta fixo a proposta de inscrición sen ningún consenso e, polo tanto, esa candidatura está invalidada".

xoves, 1 xuñ 2017
O alcalde, Abel Caballero, denunciou este xoves que a proposta das Illas Atlánticas a Patrimonio da Humanidade impulsada pola Xunta de Galicia incumpre artigos das Directrices Prácticas para a Aplicación da Convención do Patrimonio Mundial da UNESCO.

No artigo 12, a UNESCO "invita aos Estados Parte da Convención a asegurar a participación da maior cantidade de actores, entre eles administradores de sitios, gobernos locais e rexionais, comunidades locais, ONGs e outros socios e interlocutores interesados na identificación, na proposta de inscrición e a protección dos bens". O alcalde vigués, quen recordou que a candidatura autonómica carece do respaldo requerido, asegurou que "a Xunta fixo a proposta de inscrición sen ningún consenso e, polo tanto, esa candidatura está invalidada".

O artigo 39 das Directrices afirma que "a presentación de candidaturas de sitios, así como a súa xestión e supervisión, cando se fundan na colaboración de distintos actores, constitúe unha contribución significativa". Esta "contribución significativa" tamén a incumpriría a proposta da Xunta, en opinión de Abel Caballero, pois o goberno autonómico non implicou "nada de nada" aos ámbitos "social, nin político nin administrativo" dos territorios afectados e, polo tanto, carece de "ningún consenso".

A UNESCO tamén indica que "os socios na conservación do Patrimonio Mundial poden ser tanto os particulares como os interesados directos, especialmente as comunidades locais", engadiu Caballero, o que si cumpre a proposta do Concello de Vigo para as Illas Cíes.

"Esa candidatura está rebentada desde a mesma presentación", asegurou o rexedor vigués, pois o cumprimento das Directrices é "fundamental" para a UNESCO á hora de resolver entre as candidaturas propostas.

Á vista dos datos, Abel Caballero valorou que a proposta das Illas Atlánticas a Patrimonio da Humanidade presentada pola Xunta de Galicia quere "rebentar" e parar "sine die" a candidatura impulsada polo Concello de Vigo para as Illas Cíes, con catro anos de traballo previo e consenso social, unha "candidatura gañadora en tempo récord", en verbas do alcalde.