Escoitar

O Concello subvenciona con 25.000 euros o desprazamento de persoas con problemas de mobilidade

A Xunta de Goberno Local aprobou a axuda dos bono-taxi dos que se benefician 98 persoas. Tamén deu luz verde á suba de prezos do contrato do servizo de Teleasistencia domiciliaria, que queda en 77.500 euros, así como ao convenio coa Federación de Bandas de Música Populares de Vigo cun importe de 170.000 euros. <br />

xoves, 1 xuñ 2017
O Goberno de Vigo destina 25.000 euros para subvencionar os desprazamentos de ata 98 persoas que sofren problemas de mobilidade e non poden empregar outros medios de transporte. Co uso do bono-taxi municipal, os beneficiarios poden moverse pola cidade nun medio adaptado superando as limitacións da súa situación persoal.

Ademais, o Concello deu luz verde ao convenio coa Federación de Bandas de Música Populares de Vigo para o programa "Vigo, un mar de bandas" do ano 2017 cun valor de 170.000 euros.

Convenios de colaboración
O alcalde informou tamén da aprobación en Xunta de Goberno da revisión de prezos do contrato do Servizo de Teleasistencia domiciliaria que queda establecido en 77.500 euros ao ano, o que supón 1.146 euros máis, en función da variación do IPC.

Na sesión deste xoves quedaron aprobados tamén tres convenios de colaboración: coa Fundación Secretariado Xitano, por un importe de 16.000 euros, para axudar a financiar o desenvolvemento de programas de loita contra a discriminación durante o ano 2017; o convenio con CC.OO. para fomentar o emprego mediante o desenvolvemento do proxecto "A negociación colectiva", que ten un impporte de 14.300 euros e que permitirá abordar esta cuestión na pequena e mediana empresa e, amais, deuse luz verde ao convenio de colaboración coa Asociación de Veciños Fonte do Galo para axudar a financiar o mantemento e aluguer necesarios para realizar as súas actividades no ano 2017 cun importe de 4.560 euros.