Escoitar

Prosegue o programa de substitución e mellora do alumeado público en Coruxo

luns, 13 xan 2003
A Concellería de Electromecánicos realiza a substitución de luminarias con lámpadas de vapor mercurio por lámpadas de vapor sodio. Os operarios de Electromecánicos comezarán o mércores 15 de xaneiro en Coruxo, na zona de Fragoselo, onde se vai realizar o labor de corrixir as caídas de tensión orixinadas nas liñas de abastecemento do alumeado público e a mellora dos niveis de iluminación.

”Esta Concellería ten definido como unha das políticas prioritarias a da mellora das infraestructuras das instalacións da iluminación pública de maneira global para tratar de acadar unhas condicións óptimas de funcionamento cun consumo racional de enerxía para obter o máximo rendemento lumínico e enerxético”, explicou o concelleiro Henrique Vieitez.

Na actualidade na nosa cidade aínda están instaladas unhas 13.000 lámpadas de vapor mercurio de 80W. A maior parte delas están instaladas no ámbito rural. Estímase que esta obra na zona de Fragoselo (Coruxo) rematará nuns 15 días aproximadamente.

O obxecto deste programa é a substitución de luminarias actuais abertas con lámpada de vapor mercurio de 80W por outras luminarias pechadas de vapor sodio de 70W con grupo óptico e difusor que lle proporcionan un alto rendemento lumínico. Con esta actuación conseguirase reducir o alto valor contaminante que teñen as lámpadas de mercurio fronte as de sodio, pasando de 30 miligramos de mercurio que conteñen as lámpadas de mercurio a 10 miligramos que conteñen as lámpadas de sodio.

Poderase regular a tensión ata valores máis baixos por medio dun reductor-estabilizador de tensión en cabeceira de liña nas horas de escasa incidencia para o cidadán, acadando así un aforro enerxético de ata o 40%.

A substitución destas luminarias tamén está programada para outras zonas da cidade onde aínda existen luminarias con mercurio. Henrique Vieitez afirmou que ”o obxectivo deste programa da Concellería de Electromecánicos é substituír todas estas luminarias de mercurio para así mellorar na súa totalidade a iluminación pública da nosa cidade”.