Escoitar

Seleccionadas as 50 vivendas que recibirán as axudas da 4ª fase do plan de rehabilitación do Barrio Histórico

luns, 13 xan 2003
Despois de dous anos de traballo, O Concello de Vigo leva xa adxudicadas 150 axudas para a rehabilitación de vivendas no Barrio Histórico. Hai uns días asinouse co Instituto Galego da Vivenda e o Solo o convenio para desenvolver a cuarta fase deste plan, que permitirá rehabilitar 50 vivendas máis. O presuposto estimado desta cuarta fase é de 1.270.000 euros.

Nestes momentos xa están preseleccionadas esas 50 vivendas. Os solicitantes dispoñen dun prazo ata finais deste mes para aportar a documentación técnica e administrativa necesaria para que se lles confirme a concesión da axuda.

O concelleiro de Urbanismo, Xavier Toba, afirmou que a existencia de numerosas solicitudes avala o proceso de recuperación do Barrio Histórico que está a desenvolver o goberno municipal dende o comezo deste mandato. Toba explicou que a política de rexeneración do barrio comeza a dar os seus froitos despois de que se sentaran unhas bases sólidas mediante a recuperación de ruas e prazas, a creación de determinadas dotacións e a peonalización do barrio. O concelleiro de Urbanismo amosou a súa confianza en que a próxima aprobación do Plan Especial de Protección e Reforma Interior do Casco Vello permita acelerar o proceso de rexeneración do barrio.

A Comisión de Goberno aprobou hoxe dúas novas axudas para rehabilitación de vivendas neste ámbito. Neste caso os beneficiarios serán os propietarios do 2º andar do número 10 da rúa Chao e do 3º andar do nº 4 da rúa San Vicente.