Escoitar

O Fondo Social Europeo aproba un proxecto de emprego para mulleres promovido polo Concello

luns, 3 mar 2003
O concelleiro de Desenvolvemento Local e Emprego, Delfín Fernández, deu a coñecer a aprobación dunha subvención para realizar o proxecto de capacitación de mulleres desempregadas “Abeiro”.

A posta en marcha de “Abeiro” suporá un orzamento total de 652.000 € durante doce meses e beneficiará directamente a 130 mulleres desempregadas e, indirectamente, coas prácticas profesionais en empresas e entidades, a 500 persoas maiores e enfermos mentais.

O programa ”Abeiro”, con fondos da chamada Subvención Global do Fondo Social Europeo que foi solicitada polo Concello de Vigo ante o Ministerio de Administracións Públicas, suporá o financiamento do 70% do proxecto, 456.000 €. O 30% restante, 196.000 €, será aportado polo Concello de Vigo.

Este novo proxecto continuará co traballo iniciado co programa “Asiste”, no que mulleres desempregadas da cidade reciben información, orientación e formación para acadar a súa inserción laboral no sector de servicios de atención a persoas con especiais dificultades, aínda que se especializará en capacitar profesionais para atender a colectivos da terceira idade e con problemas de saúde mental.

O “Abeiro” supón continuar, no Plan Municipal de Emprego, coa aposta pola inserción de mulleres no sector dos servicios sociais como xacemento de emprego e pola participación en novos proxectos europeos relacionados co emprego. Neste senso, os resultados que ata agora se teñen do proxecto “Asiste” respaldan esa idea. Tanto no “Asiste”, como no “Abeiro”, hai que destacar o asesoramento en xestión empresarial que recibirán as persoas beneficiarias de cara á constitución de cooperativas, sociedades e outras modalidades.