Escoitar

O Festival Primavera do Cine ábrese a filmes da lusofonía na súa quinta edición

O concelleiro de Cultura, Cayetano Rodríguez, presentou este luns a programación do Festival Internacional de cine de Vigo que proxectará 55 curtas e 22 longametraxes ao longo de dez xornadas nas que haberá charlas, retrospectivas de cinema galego, proxeccións para os máis pequenos e unha clase maxistral de Mario Iglesias.

luns, 16 mai 2016
1463399637primavera.JPG
O Festival Primavera do Cine de Vigo chega á súa quinta edición como "o máis importante do cine galego, comprometido coas artes audiovisual e co audiovisual galego" e apostando pola vertente internacional coa incorporación do mundo lusófono. Así presentou Cayetano Rodríguez, concelleiro de Cultura, a programación do certame que dende este xoves días 19 e ata o vindeiro domingo 29 de maio proxectará nas catro sedes (Auditorio Municipal, Instituto Camoes, MARCO e Sala Ingrávida de Porriño) cincuenta e cinco curtas e vinte e dúas longametraxes.

Para Juan de Castro, director de Primavera do Cine, o festival quere achegar a cinematografía galega e lusófona en diferentes formatos e linguas á xente non afeita a ver estas propostas porque non son exhibidas en salas comerciais. Esta quinta edición supón "un punto de inflexión porque se duplica a oferta do ano anterior" e ten "vocación de asentarse" cun programa completo de cinema galego ao que se incorporan propostas da lusofonía. Como vén sendo habitual o público tomará a decisión, cos seus votos, sobre as cintas gañadoras desta edición.

Alfonso Castaño, organizador do certame, salientou a calidade das actividades paralelas como é o caso das charlas-coloquio "Vías de colaboración entre o cine galego e lusófono", programada o sábado 21 de maio, e "O audiovisual galego e a súa interacción co público" que se desenvolverá o luns 23 coa presenza de Antón Reixa, Moncho Lemos ou Xosé Xoán Cabanas Cao. Ademais, haberá unha clase maxistral impartida polo director Mario Iglesias sobre a dirección de actores; o Cine Miúdo, con proxeccións de filmes mudo para os máis cativos musicados en directo e dúas retrospectivas: unha dedicada a Alberto Estévez Piña e outra á cinta amateur "El andamio".
Descargar todas as imaxes