Escoitar

Vigo participa nun proxecto europeo para aforrar un 30% no consumo enerxético do fogar

O Concello, a través de FAIMEVI, desenvolve o Proxecto GreenPlay, financiado con 1,7 millóns pola Unión Europea e presentado hoxe xoves polo alcalde de Vigo. O aforro enerxético procúrase coa concienciación cidadá, mediante un xogo online. Está aberto o proceso de selección das setenta vivendas participantes, que contarán con sensores para monitorizar o consumo eléctrico a tempo real. <br />

xoves, 12 mai 2016
1463055023GREENPLAY.jpg
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, e o segundo tenente de alcalde e edil de Fomento, David Regades, presentaron este xoves o Proxecto GreenPlay xunto ao director de FAIMEVI, Bernardo Parajó. Esta iniciativa, sufragada con 1,7 millóns con fondos europeos, ten como obxectivo aforrar un 30% no consumo de enerxía do fogar, a través da concienciación cidadá.

Os poñentes explicaron que esta concienciación se produce cun xogo online ("serious game") e unha aplicación vinculada ás redes sociais. Actualmente o Concello continúa co proceso de selección das vivendas participantes, fogares que serán monitorizados para coñecer o seu consumo xeral e que deben contar con medidores en tempo real, conexión a Internet e ter auga quente e calefacción eléctricas.

Segundo indicaron, ata o momento son máis de trinta as vivendas apuntadas, dun total de setenta que participarán no proxecto. Para os propietarios ou inquilinos, entrar nesta iniciativa é totalmente de balde e incluso aforrarán cartos co obxectivo de reducir un 30% o consumo eléctrico. Conseguiranse puntos segundo se vaian conseguindo os obxectivos de aforro propostos polo xogo.

Os setenta fogares vigueses sumaranse a outros cento trinta de dúas rexións francesas neste experimento, que se completará nunha segunda fase, a desenvolver en outono, con ata 4.000 xogadores máis que poderán participar sen ter a súa vivenda monotirozada.
Descargar todas as imaxes