Escoitar

O alcalde convida á cidade a achegarse ao Boom Film & Comic que se celebra do 13 ao 15 de maio

O II Festival da Cultura Pop concentra máis de cincuenta actividades ao longo de tres xornadas nas que contará coa presenza de artistas de referencia do cómic, manga, cine, xogos e literatura fantástica e tamén con especialistas no II Concurso Cosplay. O encontro, que se desenvolve na Estación Marítima de Vigo, colaborará co Banco de Alimentos.

mércores, 11 mai 2016
1462971559comic.JPG
Abel Caballero presentou este mércores a segunda edición do Boom Film and Comic, Festival de Cultura Pop que se desenvolve desde o venres e ata o domingo na Estación Marítima cun programa que inclúe máis de cincuenta actividades nas que participarán artistas de referencia do cómic, o manda, o cine, os xogos e a literatura fantástica.

Jesús Ari, director do Festival explicou que esta segunda edición ofrece 30 horas de contidos "de nivel" con máis de 30 artistas convidados e actividades diversas concentradas en catro áreas temáticas: o cómic, contando coa presenza de autores como El Torres, Kiko da Silva, Julián López, Enrique Lorenzana ou Víctor Rivas; as series e o cinema, nas que estará Alberto Hortas e se celebrarán os cincuenta anos de Star Trek e abordarase Dr. Who e Star Wars; no ámbito da literatura estarán presentes Daniel Estorach, Daniel Espinosa e o escritor vigués Darío Vilas. Ademais haberá actividades de ocio como paintball, parapark, soft combat, torneos de cartas e xogos de roll e o II Concurso Cosplay coa presenza de especialistas.

O rexedor convidou a toda a cidade a achegarse estes tres días á Estación Marítima para participar das actividades, onde terán tamén a oportunidade de facer unha doazón de comida para o Banco de Alimentos de Vigo.
Descargar todas as imaxes