Escoitar

O goberno local buscará espazo para ampliar o arquivo notarial e abrir ao público documentos históricos

O rexedor vigués ve unha "moi boa idea" a proposta do Colexio de Notarios de Pontevedra de abrir ao público o arquivo histórico -con documentos centenarios- e crear unha biblioteca especializa xurídico-notarial para investigadores. Tras a reunión deste mércores, Caballero avanzou que buscará sede para un "ámbito de lectura, investigación e depósito" que terá "unha magnífica acollida na cidade".

mércores, 11 mai 2016
1462971728notarios.JPG
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, mantivo este mércores unha reunión cos responsables do Colexio Oficial de Notarios da provincia de Pontevedra, que plantearon ao primeiro edil a necesidade dun maior espazo para o arquivo notarial, actualmente localizado no Concello, que xa se queda pequeno.

Durante a reunión, segundo desvelou Caballero, saíu ademais unha "moi boa idea" por parte dos notarios: abrir ao público a parte histórica do arquivo -con documentos de máis de cen anos- e facer tamén unha biblioteca especializada no ámbito xurídico-notarial dirixida aos investigadores.

"Creo que é unha magnífica idea", certificou o alcalde ante os medios de comunicación, polo que o goberno que encabeza buscará un espazo para abrir "ese ámbito de lectura, investigación e depósito", que "terá unha magnífica acollida en Vigo" polo desenvolvemento administrativo da cidade e pola súa facultade de Dereito Económico, entre outros factores.
Descargar todas as imaxes