Escoitar

O Pleno insta ao Estado a ampliar a protección social aos desempregados de longa duración

A moción, presentada polo grupo socialista, obtivo o apoio da totalidade dos concelleiros vigueses e reclama do goberno central ampliar a protección por desemprego ás persoas con máis dun ano no paro, con responsabilidades familiares e cumpran os requisitos de carencia de rendas, vítimas de violencia de xénero, discapacitados e outros supostos. O texto tamén pide implementar un plan de emprego específico para desempregados de longa duración.

luns, 27 xul 2015
O Pleno da Corporación municipal de Vigo validou por unanimidade este acordo, que insta ao goberno central a ampliar a protección asistencial a todos os desempregados que leven inscritos máis dun ano nos Servizos Públicos de Emprego, que teñan responsabilidades familiares e cumpran os requisitos de carencia de rendas.

A moción estipula que este subsidio se estenda tamén ás mulleres vítimas de violencia de xénero e aos discapacitados en grao igual ou superior ao 33%, e aos parados maiores de 45 anos que teñan esgotada a Renda Activa de Inserción ou se contratasen dentro dos 365 días naturais anteriores á data admisión ao devandito programa.

"Este subsidio", explica o texto aprobado, "prorrogarase de forma sucesiva mentres a persoa desempregada continúe en situación legal de desemprego. Este mecanismo de protección manterase como mínimo ata que a taxa de desemprego estea por debaixo do 15%". O acordo tamén propón que a contía se perciba na súa totalidade "aínda que na súa orixe se tratase dun desemprego por perda dun traballo a tempo parcial" e o pago "a súa vez incrementarase en función das responsabilidades familiares da persoa beneficiaria" segundo o criterio legal e cifrada "en cen euros por menor".

Aclara a moción que "a incorporación a este subsidio non estará condicionada a ter esgotado anteriormente ningunha prestación contributiva ou asistencial, senón exclusivamente aos requisitos esixidos na propia definición de cada colectivo".

Un segundo punto aprobado neste texto require do Estado a implementación de xeito inmediato, e cos interlocutores sociais, dun plan de emprego específico para desempregados de longa duración, que inclúa máis persoal nos Servizos Públicos de Emprego para a atención individualizada dos cidadáns, aumento cuantificado en "non menos de 200 persoas expertas en orientación e promoción de emprego en Galicia".

Mocións aprobadas
A sesión plenaria desta mañá concluíu con dous acordos máis adoptados, o primeiro reclamando do Goberno de España que modifique a lei e aplique o tipo reducido de IVE a todas as manifestacións culturais, como os libros en calquera soporte físico, o acceso a espectáculos (teatros, cines, exposicións...) e a eventos deportivos, e o uso das instalacións deportivas. O texto foi aprobado cos votos do PSOE, quen presentou a moción, e do PP, e a abstención da Marea de Vigo.

A última das mocións aprobadas este luns foi proposta polo grupo socialista e apoiada pola Marea de Vigo, coa oposición do PP, e amosa "o máis enérxico rexeitamento do Concello" aos recortes que se están a producir na coñecida como Lei da Dependencia, "xa que están a producir un sufrimento inmerecido a milleiros de vigueses e viguesas, galegos e galegas". O Pleno insta ao Estado a constituír un grupo de traballo con representantes dos grupos parlamentarios e comunidades autónomas para acadar un amplo acordo "para garantir a sostibilidade, o desenvolvemento e o financiamento por parte das administracións públicas do sistema de autonomía e atención á dependencia".