Escoitar

O goberno de Vigo contrata a redacción do plan e cederá solo a Citroën para o seu proxecto en Balaídos

O alcalde de Vigo, Abel Caballero, xunto á tenente de alcalde, Carmela Silva, e á edil de Urbanismo, María Xosé Caride, asinaron este luns o contrato á empresa que se encargará da redacción do plan parcial de Balaídos, un desenvolvemento industrial que inclúe a cesión de 50.000 metros cadrados a PSA para que a factoría viguesa poida optar á fabricación dun novo vehículo.

luns, 27 xul 2015
1438008874balaidos.JPG
En declaracións aos medios ao remate dunha sinatura "importantísima nesta cidade", Abel Caballero explicou que este contrato permitirá o desenvolvemento dos 50.000 metros cadrados adicionais dos que disporá PSA Peugeot Citroën en Balaídos -cedidos polo Concello- para o seu proxecto de futuro, que pasa por optar á construción na cidade dun novo vehículo, similar "en volume de emprego" ao K9 xa adxudicado pola empresa francesa a Balaídos.

"Acabamos de conseguir que Citroën permaneza nesta cidade" durante décadas, "con niveis moito máis importantes de emprego e de actividade", subliñou o alcalde de Vigo, que salientou ademais que o goberno local responde á demanda de PSA e "ao máis importante que hai nesta cidade: o emprego e a automoción".

Na sesión plenaria tamén celebrada este luns, a Corporación deu luz verde ao texto definitivo do convenio de colaboración entre o Concello e o Consorcio da Zona Franca de Vigo para o desenvolvemento deste ámbito industrial, proposta elevada polo goberno da cidade que obtivo o respaldo dos grupos municipais socialista e popular, coa negativa da Marea de Vigo.
Descargar todas as imaxes