Escoitar

Exposición "Estraño cotián" no Museo de Castrelos

O Museo de Castrelos acolle a exposición "Estraño e cotián. A colección de Artes Decorativas do Museo Municipal de Vigo Quiñones de León", promovida pola Concellería de Cultura, Festas e Museos. Esta exposición recupera unha serie de obxectos da colección de artes decorativas do Museo Municipal de Vigo, obras que teñen relación coa convivencia diaria das persoas e que, na súa maior parte, chegaron ao museo fóra do seu contexto orixinal.

martes, 31 mar 2015
1427374273expocastrelos.jpg
Partindo desta idea elaborase un discurso diferente ao habitual que parte duns obxectos que, ainda que hoxe son estraños, noutro tempo foron cotiáns. Este aparente paradoxo é o que permite a súa visión como obras de "carácter maior", conferíndolles un novidoso e sorprendente protagonismo que chega ao espectador, á cultura e á mentalidade na que estes obxectos se crearon e utilizaron.

A mostra distribúese en cinco salas:

- "Técnicas e procesos": onde se amosan os diferentes procedementros técnicos de execución das artes decorativas.

- "Os paraísos perdidos": amósase a fascinación pola representación de lugares idílicos, protagonizada polo orientalismo.

- "A harmonía dun instante": mediante os retratos e a grande mesa de comedor, evócase a atmósfera orixinal na que o enxoval doméstico adquire absoluto protagonismo.

- "Os rostros da memoria": organizada a modo de gabinete con obras de pequenas dimensións coas que cobra pleno sentido o valor dos retratos.

- "Imaxes, ideas e pensamentos": analízanse obras en relación con pequenos detalles ornamentais, resaltando o seu valor coas imaxes que lle serviron de referente.

A exposición, aberta ao público ata o 27 de setembro, contará cun programa de divulgación a través de visitas guiadas:

- Visitas grupais: todos os mércores (agás festivos), do 8 de abril ao 27 de maio, con reserva previa no servizo de atención cidadá (010 ou 986.810.260 se chama fóra de Vigo). Máximo de 30 persoas, con tres horarios: 10:30 h, 11:30 h e 12:30 h.

- Visitas presenciais: todos os domingos, ás 12:30 h, do 12 de abril ao 31 de maio, sen reserva previa.
Descargar todas as imaxes

Máis información