Escoitar

Vigo adhírese á Rede de Entidades Locais pola Transparencia e Participación Cidadá da FEMP

O Pleno da Corporación aprobou por unanimidade esta proposta do goberno local, despois de que unha organización internacional situase á cidade olívica como a mellor de Galicia no Índice de Transparencia 2014, con 95 puntos sobre 100. A Federación Española de Municipios e Provincias felicitara ao Concello e invitouno a sumarse á citada Rede.

luns, 30 mar 2015
Vigo súmase desde este luns á Rede de Entidades Locais pola Transparencia e Participación Cidadá da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP), tras a proposta presentada polo goberno local ao Pleno da Corporación, que a respaldou por unanimidade.

Con 95 puntos sobre 100 posibles, Vigo é o concello galego máis transparente na súa xestión, segundo a organización Transparencia Internacional España, que analizou o nivel de transparencia de 110 concellos do país.

Vigo obtivo 100 puntos -a máxima cualificación- en epígrafes como economía e facenda, urbanismo e obras públicas ou indicadores de transparencia. Cunha puntuación media de 95 puntos, a cidade olívica está por riba doutras grandes cidades como Madrid (92,10 puntos), Valladolid (88,8) ou Valencia (81,3); ademais de ser a mellor posicionada de Galicia. A Coruña obtivo 83,8 puntos; Santiago, 66,3; Ourense, 90; Pontevedra, 43,8; Lugo, 72,5 e, finalmente, Ferrol, 71,3 puntos.

O alcalde de Vigo e vicepresidente primeiro da FEMP, Abel Caballero, trasladara á opinión pública semanas atrás un escrito de felicitación da Federación que agradecía o "exemplo" vigués e lle solicitaba á adhesión a nomeada Rede. A carta, remitida polo secretario xeral da FEMP, felicita ao Concello de Vigo polos resultados obtidos na edición 2014 do Índice de Transparencia e salienta o seu "bo facer e a boa xestión" en materia de transparencia, segundo indicara Caballero.