Escoitar

O goberno local adica preto de 600.000 euros á reforma e mantemento dos colexios públicos

O alcalde deu conta esta mañá da aprobación do programa de Autoxestión de centros educativos, dotado con 288.000 euros para o mantemento ordinario dos colexios. A esta cantidade hai que sumar outros 310.000 euros que o Concello adica a obras de mellora que solicitan os propios centros.

venres, 27 mar 2015
A Xunta de Goberno local deu luz verde ao programa para a xestión directa polos consellos escolares do orzamento municipal de mantemento ordinario dos centros de Educación Infantil e Primaria de Vigo dotado con 288.000 euros. A esta cantidade, apuntou o rexedor en rolda de prensa, hai que engadir outros 310.000 euros que o Concello destiña a acometer os arranxos que solicitan os propios centros como reformas de pistas e baños ou ampliación de comedores. Ademais, engadiu, tamén se están a acometer obras de cubrición de patios, aínda que sexa unha competencia da Xunta, puntualizou.

O goberno local tamén aprobou hoxe venres o proxecto de cooperación coa Asociación Solidariedade Galega do pobo saharaui para o proxecto de acollida familiar "Vacaciónes en paz 2015" por importe de 16.000 euros. O obxectivo é financiar os gastos de desplazamento a Vigo de nenos e nenas prodecentes dos campamentos de refuxiados en Tindouf.

Outro dos asuntos que recibiu luz verde foi o proxecto de convenio de colaboración coa Asociación de Amas de Casa e Consumo "Agarimo". Este colectivo recibirá 13.000 euros para axudar ao finanzamento das súas actividades para o ano 2015. A Xunta de Goberno tamén aprobou as bases reguladoras e a convocatoria para a concesión de subvencións para o fomento de actividades xuvenís no ano 2015. Conta cunha partida de 7.000 euros.