Escoitar

O Concello pide a readmisión dos despedidos en POVISA e reclama á Xunta que actúe

Socialistas e nacionalistas, coa oposición do PP, aprobaron a moción presentada polo BNG instando ao goberno autonómico a adoptar as medidas precisas para esixirlle a POVISA a readmisión dos 13 traballadores aos que lles comunicou a extinción do seu contrato e que aplique as "sancións establecidas no concerto" de "persistir na súa política de persoal".

luns, 30 mar 2015
O texto aprobado require da Xunta de Galicia que realice "de inmediato todas as actuacións precisas para esixirlle a POVISA a readmisión das 13 persoas" e a que "proceda á rectificación inmediata da súa política de persoal". Un segundo punto pide ao goberno autonómico a facerlle cumprir á empresa as condicións incluidas no concerto asinado co SERGAS, que afirma que "POVISA obrígase a seguir e a cumprir todas as normas, instrucións, programas e criterios organizativos establecidos polo SERGAS relativos aos servizos incluidos no obxecto deste concerto. Igualmente deberá cumprir as disposicións e normas de apliación establecidas polo SERGAS para os seus centros propios".

Por último, o acordo inta á Xunta a "aplicar as sancións establecidas no concerto asinado o 1 de setembro de 2014 entre o SERGAS e o hospital POVISA, de persistir esta na súa política de persoal".

A moción recorda que os despedimentos producíronse 6 meses despois de renovar a Xunta de Galicia o concerto co centro por importe algo superior aos 600 millóns de euros. "Non teñen xustificación estes despedimentos cando o propio goberno galego esgrimeu o mantemento do emprego coma unha das principais xustificacións para renovar o concerto", indica o acordo adoptado.