Escoitar

O Pleno pide á Xunta que "reconsidere" e ubique o laboratorio central no novo hospital

A facultativa Carmen Albo intervíu este luns na sesión plenaria municipal solicitando o apoio dos concelleiros á reclamación dos profesionais de situar o laboratorio central no novo hospital e non no Meixoeiro, como ten planificado a Xunta. A instancias do goberno local, a Corporación votou e acordou un recoñecemento aos traballadores da sanidade viguesa e esixiu á Xunta que "reconsidere" a ubicación do laboratorio.

luns, 30 mar 2015
Carmen Albo expuxo este luns na sesión plenaria a problemática do traslado dos laboratorios centrais do CHUVI ao hospital do Meixoeiro en lugar de telo situado no novo hospital de Valladares. Esta decisión, afondou, conleva que as mostras a analizar "poden sufrir alteracións que fagan inviable a realización dos estudos solicitados" e "retraso no diagnóstico e a instauración dun tratamento axeitado"; tamén afirmou Albo que "a inmensa maioría dos hospitais" do nivel do vigués "teñen entre os seus servizos laboratorios complexos plenamente operativos, non laboratorios de urxencias", como está previsto para o futuro Hospital Álvaro Cunqueiro, e manifestou o temor do colectivo pola posibilidade de que os laboratorios sexan "os próximos privatizados".

A iniciativa do grupo do goberno local, a Corporación votou un acordou composto por dous puntos, no que se expresou en primer lugar o recoñecemento aos profesionais do laboratorio e do persoal sanitario vigués -aprobado por unanimidade- e, en segundo lugar, se solicitou da Xunta de Galicia que "reconsidere" a ubicación do laboratorio central no novo hospital -aprobado polo PSOE e do BNG, co voto contrario do PP-.