Escoitar

O Concello iniciou na estrada da Vía a instalación de gardarraís de seguridade para motoristas

Tras unha reunión este martes con colectivos de motoristas, Abel Caballero indicou que o goberno de Vigo xa comezou a renovación dos gardarraís da estrada da Vía e traballa no contrato para cambiar 12 quilómetros máis en distintos viais da cidade. Despois das medidas adoptadas polo Concello, tres asociacións de moteiros de ámbito estatal declararon a Vigo como a urbe máis segura de España para as motos.

martes, 31 mar 2015
1427803118motos.JPG
O goberno local xa deu comezo á instalación dos novos gardarraís de seguridade para os motoristas na estrada da Vía e Abel Caballero informou que o Concello está a traballar no contrato que permitirá ademais a renovación de 12 quilómetros lineais de barreiras en Arquitecto Palacios, a Avenida de Citroën, Leonardo Alonso, a estrada vella de Madrid, Clara Campoamor, Ferro Vello e a rotonda da VG-20.

O alcalde recordou que o seu goberno mantén o "compromiso" de dotar á cidade destes sistemas de seguridade, e fixo un balance "francamente positivo" das medidas adoptadas na cidade para favorecer o uso da motocicleta e a seguridade dos condutores. Así, Caballero recordou que as motos poden circular polos carrís bus, as prazas de estacionamento superan o millar, habilitáronse numerosos espazos adiantados nos semáforos para motos e Vigo é pioneira en España na implantación de carrís específicos para chegar a estas zonas reservadas, de utilización co semáforo vermello.

Na reunión celebrada esta mañá constatouse que Vigo foi declarada a cidade máis segura de España para os motoristas pola Asociación Mutua Motera, a Plataforma Motera de Seguridade Vial e Mundo Motero.
Descargar todas as imaxes