Escoitar

Caballero enxalza as Bici Rutas como "actividade de deporte e saúde"

As Bici Rutas regresan por quinto ano consecutivo dentro dos programas de promoción da Concellería de Deportes. O alcalde de Vigo, Abel Caballero, presentou hoxe as sete rutas en bicicleta que o Club Ciclista Vigués programou para este ano co patrocinio do Concello e que se celebrarán nos meses de marzo (dúas marchas), abril (unha), outubro (dous) e novembro (dous).

xoves, 26 feb 2015
1424959088bicis.JPG
Acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, o presidente do equipo ciclista, Carlos Vidal, o directivo Noé Rodríguez e os corredores Yago López e Yago Padilla, "que son os que están encima da bicicleta facendo deporte e correndo", asegurou, o alcalde manifestou a súa satisfacción por esta actividade. "É un programa do ámbito de deporte e saúde e haberá diferentes rutas en diferentes datas para facer ciclismo", explicou.

Este domingo 1 de marzo comeza a serie de paseos en bicicleta coa ruta a Cabo Estai dende a Porta do Sol. O pelotón, con apoio da Policía Local e de Protección Civil, partirá ás 10:30 horas, para regresar sobre a unha do serán. Non é necesaria a inscrición, só presentarse no lugar de saída á hora prevista.

Despois, máis itinerarios o 15 de marzo (da Porta do Sol ao Parque da Riouxa), o 12 de abril e o 11 de outubro (rutas urbanas con saída e meta na Porta do Sol), pechando a serie a ruta da traída da auga (25 de outubro, dende o Calvario), e de novo os traxectos a Cabo Estai (8 de novembro) e ao parque da Riouxa (22 de novembro).

"Esta é unha actividade para persoas maiores de 10 anos e supón unha forma de potenciar a vida saudable, facer deporte de forma razoable, pasalo ben e vivir unha mañá en presenza de tantos ciclistas", explicou Abel Caballero.

A organización estima que tralo éxito de anteriores paseos, as sete probas sumarán máis de 1.000 participantes.

"Quero felicitar ao concelleiro e ao C.C. Vigués pola organización e por esta presenza continua da bicicleta e deste deporte na cidade", declarou o rexedor. Sen dúbida, "é un modo de actividade saudable", dixo, separando as dúas opcións existentes: "quen o practica de forma máis intensa e de elite" e "os que usan a bici de forma saudable".

O alcalde, ademais, amosouse esperanzado co futuro desta modalidade. "Confío que nos vindeiros catro anos transformemos a bicicleta nunha forma habitual de utilización na cidade de Vigo".

Pola súa banda, o presidente do club, Carlos Vidal, dixo que co decidido apoio municipal ás súas actividades, "só quédanos que un día vexamos ao alcalde montar en bicicleta nunha destas marchas", chanceou. Vidal propuxo que para o futuro estas rutas sexan sinalizadas para que poidan ser utilizadas por calquera cidadán ou polos propios visitantes.
Descargar todas as imaxes