Escoitar

A Casa das Artes acolle a mostra A máquina de escribir.Colección Sirvent ata o 5 de abril

Abel Caballero destacou hoxe a importancia das máquinas de escribir como tetemuñas da evolución da industria e o traballo. Así o indicou durante a inauguración da mostra A máquina de escribir. Colección Sirvent que se poderá visitar na Cada das Artes ata o próximo 5 de abril.

xoves, 12 feb 2015
1423748405maquina.JPG
A máquina de escribir. Colección Sirvent é unha exposición que permitirá ao espectador achegarse ao universo da máquina de escribir en relación a súa importancia histórica no desenvolvemento do mundo da industria e o traballo. Durante a inauguración, fixo un recoñecemento á familia Sirvent e aos promotores desta exposición, que supón "un verdadeiro privilexio para a cidade que aúna cultura e tradición". Ata o próximo 5 de abril a mostra estará na Casa das Artes permitirá coñecer o papel da máquina de escribir na oficina, a importancia dos talleres de restauración ou a relación entre o universo das máquinas de escribir e o deseño contemporáneo son algúns dos eixes temáticos a partires dos cales se estrutura a mostra.

Esta exposición está construída a partires da Colección Sirvent, unha das máis importantes coleccións españolas e internacionais entorno ao universo da máquina de escribir. O 10 de agosto de 1940, e despois de ter dedicado anos ao traballo na delegación española da empresa americana Underwood, Alfredo Sirvent abriu na cidade de Vigo un taller de mantemento e servizo técnico de máquinas de escribir. Vinte anos máis tarde, o seu espazo xa se convertera nun lugar clave en todo o relacionado cos servizos técnicos arredor da escritura, como a mecanografía, o aluguer de máquinas, o mantemento e a restauración. De esa actividade, e da paixón contaxiada aos seus fillos, xurde a Colección Sirvent, unha colección que abrangue non só arredor das 4.000 máquinas de escribir, senón que tamén garda un gran núcleo de carteis e obxectos relacionados coa súa venta, promoción, utilización e reparación, así como moitos elementos que teñen que ver coa máquina como produto e coa influencia da súa imaxe na estética do século XX.

A exposición analiza fitos importantísimos da historia da máquina de escribir no mundo e no noso país como o xurdir da división dedicada á fabricación das máquinas de escribir da casa Remington despois da compra da patente da máquina de Sholes & Glidden, a importancia da casa Underwood que converteu o seu modelo número 5 nun dos máis vendidos do mercado, a posta en funcionamento da fábrica da máquina Hispano-Olivetti en España ou a aparición das máquinas de escribir eléctricas e a revolución que significou a aportación da empresa IBM coa súa máquina de bola para o desenvolvemento da máquina de escribir nas últimas décadas da súa existencia.

Exemplares como unha Malling Hansen danesa do ano 1867, a Hogar modelo index fabricada en Alacant no 1921, un exemplar da International Electromatic modelo Hektowriter de 1933 ou unha das Type Writer de Sholes & Glidden fabricada en 1873, son algunhas das máquinas que poderán admirarse na exposición.

A mostra tamén conta cun espazo dedicado ao póster que deixa entrever como as máquinas non só gardan valor pola súa calidade estética e a historia que albergan, senón porque arredor delas construíuse durante décadas un universo estético no que participaron algúns dos máis importantes deseñadores gráficos do seu tempo, dando lugar a interesantes imaxes publicitarias que poboaban os espazos de tendas e oficinas e que hoxe en día son un documento interesantísimo en canto á súa capacidade de reflectir o gusto e as modas das distintas décadas que viviron a súa historia.

Xunto a estes pósters, diversos utensilios que gardan relación coa máquina de escribir e que tamén son reflexo das prácticas habituais no mundo da oficina e a empresa, conviven con outros cuxo valor anecdótico completa a idea global en relación á importancia da máquina. Neste apartado inclúense fotografías de rodaxes cinematográficos nos que a máquina de escribir convértese en protagonista, rechamantes caixas de cintas cuxas funcións excedían en ocasións as de mero recipiente e adquirían novos usos, ou divertidas máquinas de xoguete que achegaban ao universo infantil o uso do que gozaban nos espazos adultos.
Para culminar, unha parte importante da colección relacionada cos utensilios, pósters e desmembres especiais de máquinas, permítenos coñecer a máquina de escribir dende dentro. Entender o seu funcionamento interno, os porqués dos seus distintos deseños, así como observar as súas partes ocultas e as curiosidades asociadas ao mundo da máquina dende a súa propia configuración.

Toda esta imaxinería completase cunha serie de obras artísticas nas que artistas contemporáneos aportan a súa peculiar visión sobre o universo da máquina de escribir. Obras de José Lourenço, Jorge Perianes ou Ignacio Uriarte animan unha exposición cuxa principal intención é educar ao espectador a través do entretemento.
Descargar todas as imaxes