Escoitar

O Concello promove con 3 días de concertos e audiovisuais a candidatura das Cíes a Patrimonio da Humanidade

Caballero presentou este mércores "O Canto das Illas", un espectáculo musical e audiovisual no Auditorio Mar de Vigo os días 20, 21 e 22 de febreiro, en apoio á candidatura das Cíes como Patrimonio da Humanidade. Con pezas compostas especialmente para o evento, artistas como Iván Ferreiro, Sondeseu e a Coral Casablanca, entre outros, porán a música, mentres que o audiovisual correrá a cargo de Colette Dedyn (que fará arte con area) e do videomapping que será proxectado por todo o auditorio.

mércores, 11 feb 2015
1423659815concierto.JPG
Segundo explicou o alcalde, o acceso a "O Canto das Illas" para calquera dos tres días será gratuito e as entradas repartiránse na lonxa do Concello a partir da próxima semana. O venres, 20 de febreiro, o espectáculo comezará ás 21 horas e os días 21 e 22 de febreiro, ás 19 horas. Esta acción enmárcase dentro das iniciativas previas ao inicio oficial do percorrido para que As Illas Cíes sexan recoñecidas Patrimonio medioambiental da Humanidade pola Unesco. Esta andaina comezará, segundo avanzou o rexedor o próximo mes de xuño.

Abel Caballero explicou que esta iniciativa está composta de catro bloques escénicos nos que se estreará unha composición encargada especialmente para "O Canto das Illas", e interpretadas por artistas de diferentes estilos. Entre os distintos bloques integraranse os elementos audiovisuais: o videomapping (proxeccións adaptadas á estrutura do entorno onde se realiza o evento) e Pintura en area, de Colette Dedyn.

O primeiro bloque escénico, chamado Illa Monteagudo, contará coa Orquesta Sinfónica Vigo 430 e o estreo absoluto de Pórtico de Monteagudo, obra para arpa e orquesta composta por Juan Durán, con Alba Barreiro como solista. O bloque Montefaro terá por protagonista a Lucía Martínez que actuará con mestres e o coro infantil da Escola Municipal de Música, que interpretarán unha obra orixinal da artista.

A continuación chegará o apartado San Martiño, no que actuará Sondeseu, con alumnos da ETRAD e os solistas serán Begoña Riobó e Anxo Pintos. O concerto proseguerá co cuarto bloque, Illa dos Deuses, que incluirá unha suite de Rodrigo Romaní, interpretada por Sondeseu, a Orquesta Vigo 430, a Coral Casablanda e un quinteto contemporáneo cos solistas Iván Ferreiro e Mónica de Nut, ademais do Coro Infantil da Escola Infantil de Música. "O canto das Illas", indicou o rexedor, rematará un espetáculo que subirá ata 200 músicos ao escenario.
Descargar todas as imaxes