Escoitar

O I Certame de Rondallas Concello de Vigo terá lugar o 28 de decembro no pavillón das Travesas

Cinco rondallas de Vigo participan na primeira edición deste festival, que dará comezo con pasarrúas desde distintos puntos do entorno das Travesas para confluir no pavillón cun espectáculo de entrada gratuita. O alcalde, Abel Caballero, o presidente da Agrupación de Centros Culturais e Deportivos, Roberto Giráldez, e representantes das formacións que participarán presentaron este xoves o evento.

xoves, 11 dec 2014
1418316014rondallas.JPG
O goberno local organiza este ano, en colaboración coa Agrupación de Centros Culturais e Deportivos, o primeiro Certame de Rondallas Concello de Vigo, o próximo domingo, 28 de decembro, no pavillón das Travesas.

Segundo explicaron este xoves ante os medios, participarán as rondallas viguesas dos centros culturais de Valladares, Beade, Peña de Freixo, Helios de Bembrive e Zamáns. Desde ás 17 horas, cada formación comezará de forma simultánea o seu espectáculo cun pasarrúas desde Castrelos, Gran Vía, a rúa Coruña, López Mora e a Avenida de Castelao, respectivamente, que concluirán todas no pavillón das Travesas. Unha vez finalizado o desfile, ás 18 horas dará comezo o certame conxunto -con medio millar de persoas en total- no que cada rondalla terá unha actuación duns 20 minutos.

Abel Caballero indicou que "queremos seguir no proceso de recuperación deste movemento cultural, as rondallas, que teñen que ocupar cada vez máis espazo na cidade" e avanzou a intención municipal de celebrar eventos como este con cada estación do ano. O alcalde invitou a toda a cidadanía a presenciar o I Certame de Rondallas Concello de Vigo, con entrada de balde e un aforo no recinto de ata 3.500 persoas.
Descargar todas as imaxes