Escoitar

O Concello instala oito paneis que informarán do estado do tráfico a tempo real

Cada panel informativo, ubicados en puntos estratéxicos da cidade, ofrecerá información a tempo real indicando a duración estimada e a fluidez do tráfico en tres rutas. O goberno de Vigo informará sobre posibles obras, accidentes ou manifestacións que poidan afectar á circulación. Vigo será a primeira urbe española en proporcionar tal grado de información do tráfico en tempo real, segundo salientou o concelleiro de Seguridade e Mobilidade, Carlos Font.

mércores, 10 dec 2014
1418216721PC115030.JPG
Font informou este mércores da instalación na cidade de oito paneis que ofrecerán información a tempo real sobre o tráfico, unha "revolución" que fará posible que os condutores coñezan a duración estimada dun percorrido e a fluidez existente na circulación.

Cada panel marcará as tres principais rutas co tempo estimado en percorrelas, informando ademais do grado de fluidez que presenta mediante un sinxelo código de cores. Tamén fará posible que o Concello poida dar conta de eventuais obras, accidentes ou manifestacións que teñan afección sobre o tráfico.

O centro de control do tráfico do Concello, explicou o edil, recibirá os datos a tempo real da circulación na cidade e dará a información a través dos novos paneis, que estarán instalados ao longo da presente semana e entrarán en funcionamento inicialmente de modo experimental.

Carácter "integral"
Carlos Font indicou que a instalación dos novos paneis forman parte da política municipal para mellorar a mobilidade e a seguridade viaria de vehículos e peóns, medidas adoptadas con carácter "integral", relacionadas coas humanizacións e tomadas en colaboración con asociacións de veciños e distintos colectivos.

Deste xeito, o concelleiro recordou os novos semáforos instalados en zonas con alta densidade de poboación e próximas a centros educativos, seguindo o criterio técnico municipal e as aportacións cidadás. É o caso dos tres novos habilitados na Avenida de Castelao, os dous de Martín Echegaray e da Hispanidade ou o disposto na Avenida do Aeroporto, á altura de Camiño Lagoa.

No relativo á sinalización horizontal, Font subliñou a importancia desta acción para a "seguridade", indicando que o investimento anual en repintados ascende a 480.000 euros. Citou como exemplos os traballos no entorno da Praza de América e da estación de autobuses.

Outra acción do goberno local en materia de tráfico é a encamiñada a gañar prazas de estacionamentos cambiando os de liña por aparcamentos en batería. O entorno da comisaría da Policía Nacional conta agora con 20 prazas máis, a zona de Fátima gañou 49 para coches e 8 para motos e en Rosalía supuxo 16 estacionamentos máis vehículos e 14 para motocicletas. Font avanzou que están en estudo novas actuacións neste sentido.

En relación cos estacionamentos, o edil fixo fincapé na multiplicación das habilitadas para motos e para persoas con mobilidade reducida nos últimos anos. No tocante ás motos, no 2007 existían 208 e agora rondan as mil, mentres que para PMR pasouse de 154 a 570 no mesmo prazo.
Descargar todas as imaxes