Escoitar

O alcalde valora o Premio de Boas Prácticas en Drogodependencias como o "recoñecemento ao esforzo desta cidade"

Abel Caballero indicou este xoves que o galardón é "da maior importancia" para Vigo ao supor o "recoñecemento de tanto esforzo da cidade" en materia de prevención, tratamento e reinserción dos drogodependentes. O alcalde recolleu onte en Madrid o premio, concedido pola Delegación do Goberno para o Plan sobre Drogas e a FEMP.

xoves, 11 dec 2014
1418316250premio.JPG
O rexedor vigués salientou que este premio é "da maior importancia" para Vigo, representa un "recoñecemento de tanto esforzo desta cidade" na prevención, tratamento e reinserción de drogodependentes. O Plan Local de Drogodependencias artéllase desde o Concello en colaboración con colectivos sociais como Érguete, Alborada e Cedro.

Caballero apuntou que é necesario seguir traballando contra a drogadicción e subliñou que os programas municipais de emprego, como os Coidadores de Barrio, contan cun espazo para a inserción laboral do colectivo. O alcalde avanzou tamén que Vigo será a cidade que acolla no próximo mes de febreiro un congreso galaico-portugués sobre drogodependencias, enfocado na prevención, o tratamento e a reinserción.

A Delegación do Goberno para o Plan Nacional sobre Drogas e a FEMP concederon ao Concello de Vigo esta distinción "pola nosa acción na prevención, polos nosos mecanismos e plans de prevención", explicara o alcalde onte mércores durante a recepción do galardón. O alcalde, encargado de intervir en representación de todos os galardoados, reiterou a aposta do goberno local por manter o Plan Local de Drogodependencias e outras adiccións (PLDA) que nestes momentos está na súa terceira edición, correspondente ao periodo 2011-2016.

Durante o acto de entrega -no que tamén estivo presente a tenente de alcalde, Carmela Silva- aseverou que o obxectivo do goberno local é que este plan abarque a toda a poboación, con especial énfase nos colectivos en situación de maior risco. Trabállase na prevención, entre outros, subliñou, a través do deporte, das charlas nos centros educativos, en colaboración con organizacións sociais especializadas. Tal e como explicou, ademais desta política de prevención, o Concello é o que financia prácticamente en exclusiva CEDRO, a Unidade Asistencial de Drogodependencias, sen ter competencias en materia sanitaria.

O Plan Local de Drogodependencias, impulsado polo Concello en colaboración con colectivos como Érguete ou Alborada, presenta tres niveis de intervención: prevención universal, prevención selectiva -para poboación en situación de vulnerabilidade- e prevención indicada -persoas que están sometidas a situacións alto risco coas drogas. Tamén se determinan varios ámbitos de actuación: escolar, familiar, xuvenil, laboral e comunitario.

Este galardón súmase ao xa recibido polo Concello de Vigo no ano 2013, outro premio nacional de boas prácticas, nesta ocasión polas accións en favor da sensibilización contra a violencia de xénero.
Descargar todas as imaxes