Escoitar

Vigo acollerá unhas xornadas sobre cidades intelixentes coa participación de máis de 300 profesionais

O Concello de Vigo, a Fundación FAIMEVI e o Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia organizan o 25 e 26 deste mes as terceiras xornadas técnicas Smart Cities & Communities, coa colaboración da Zona Franca e a Universidade de Vigo. Máis de 35 empresas de primeiro nivel exporán no Auditorio Mar de Vigo as súas propostas tecnolóxicas sobre cidades intelixentes e, en paralelo, se celebrarán as xornadas técnicas coa asistencia de 300 profesionais.

martes, 18 nov 2014
1416315754smart.JPG
O alcalde de Vigo exerceu este martes de anfitrión da presentación das que son as terceiras xornadas galegas, desta volta adicadas ás cidades intelixentes tras as edicións anteriores coa iluminación (2012) e as enerxías renovables (2013) como temáticas principais.

Abel Caballero, durante a súa intervención, valorou a posición referencial na materia da cidade, en varias ocasións invitada a participar en foros estatais para expor a súa experiencia, coñecemento e proxectos para facer de Vigo unha cidade máis intelixente.

O 25 e o 26 de novembro, o Auditorio Pazo de Congresos de Mar de Vigo acollerá un evento no que máis de 35 empresas de primeiro nivel exporán as súas propostas tecnolóxicas para a evolución das cidades a modelos máis amables e sostibles para a cidadanía. Ao tempo, a organización ten programado as xornadas técnicas coa asistencia xa confirmada de máis de 300 profesionais.

Os presentes terán a oportunidade de compartir coñecementos e experiencias prácticas para contrubuir á mellora dos servizos á cidadanía, do ámbito social, económico e ambiental, inducirán ao debate sobre o concepto, as estratexias, as tendencias e o futuro das cidades e as comunidades intelixentes. A primeira xornada, o 25 de novembro, estará centrada na sociedade e a transformación urbana, con dúas sesións temáticas: Sociedade, Economía e Goberno pola mañá e Planificación Urbana e Edificación pola tarde. O día seguinte tratará da xestión intelixente dos recursos, con sesións técnicas sobre Enerxía e Mobilidade pola mañá e Auga e Residuos pola tarde.

Daranse cita polo tanto expertos de prestixio, profesionais e empresas líderes a nivel estatal no ámbito das smart cities, convertendo ás xornadas nun referente para adquirir coñecementos técnicos, coñecer experiencias prácticas e os avances neste campo.

Durante os dous días, o Mar de Vigo converterase ademais nunha potente ferramenta de networking e negocio. Ademais de contar as ponencias cun marcado carácter técnico e divulgativo, as Xornadas ofrecen unha zona de exposición e stand, aberta ao público en xeral, para promocionar os produtos e servizos, entregar documentación comercial e informar con detalle, co obxecto de facilitar o establecemento de relacións profesionais e comerciais.

A web www.xtvigo.eu ofrece máis información sobre o contido das Xornadas e o proceso para inscribirse nas mesmas.
Descargar todas as imaxes