Escoitar

Concello e CSIC convenian exhibir cabaliños de mar en VigoZoo nacidos en catividade

A edil de Medioambiente, Chus Lago, e José Ramón Urquijo en representación do CSIC asinaron este martes o convenio polo que o zoo de Vigo exporá unha ducia de exemplares e proxectará o traballo dos investigadores de conservación, cría e mantemento en catividade dos cabaliños de mar. O Concello procura así "reforzar" a súa laboura ante a sociedade.

martes, 26 nov 2013
1385470523chus.JPG
Segundo o texto rubricado, o Concello de Vigo apoiará o traballo dos investigadores na cidade mediante a exhibición dunha ducia de exemplares e a proxección do seu traballo de conservación, cría e mantemento en catividade dos cabaliños de mar, especie en perigo de extinción.

Explicou a concelleira de Medioambiente e presidenta do Padroado de VigoZoo, Chus Lago, que a finalidade do goberno de Vigo é "reforzar" o traballo que realiza na cidade o Consello Superior de Investigacións Científicas. Nos próximos dez días, o parque vigués rematará de habilitar os tres acuarios e poderá recibir aos cabaliños de mar, dos que parte serán especies autóctonas da ría.

A reproducción en catividade desta especie desde o punto de vista é pioneira en Vigo, xa que no Oceanográfico de Murcia fan conservación, tal e como explicaba esta mañá o experto do CSIC, Miguel Planas. Os técnicos observan o comportamento dos cabaliños de mar desde o nacemento, con distintos modelos de alimentación e conservación que potencien a cría, e estudan a conduta para xerar mellores condicións de hábitat da especie.

O Consello traballa agora nunha nova fase do proxecto investigador, orientado a reforzar a poboación desta especie en dous puntos do medio natural: en Punta Cabalo, en Arousa, e na illa de Toralla. Os expertos monitorizarían o comportamento dos novos exemplares mediante sondas e receptores de sinais para observar costumes, hábitats, formas de vida...
Descargar todas as imaxes