Escoitar

O goberno local arranca o Plan de Emprego 2013 "cooperando activamente co comercio da cidade"

A Xunta Local de Goberno aprobou hoxe venres tres convenios de colaboración con asociacións de comerciantes dentro do marco do Plan de Emprego 2013. O alcalde cifrou en máis de 4 millóns de euros a partida municipal para emprego e reiterou que Vigo é a única cidade de España cun plan destas características.

venres, 12 xul 2013
O alcalde de Vigo certificou hoxe venres que o Concello xa está "no arranque" do Plan de Emprego Municipal 2013, nun día no que o goberno local deu luz verde a tres convenios de colaboración con asociacións de comerciantes, de xeito, dixo, que a través das políticas de emprego "estamos cooperando activamente co pequeño comercio da cidade". A Agrupación de Comerciantes Zona Centro recibirá 72.500 euros para contratar a 10 persoas; a Asociación de Comerciantes e Hosteleiros Vigovello terá a mesma cantidade e contratará a 11 persoas, mentres que a Asociación de Comerciantes da rúa do Príncipe, con 55.000 euros, dará traballo a 7 desempregados.

Tal e como enfantizou Caballero, o montante total do Plan de Emprego supera os 4 millóns de euros e permitirá xerar ao redor de 600 postos de traballo. Unha cantidade á que hai que sumar outros 2.000 contratos procedentes das políticas keinesianas de investimento público. Lembrou que ningún outro concello de España conta cun plan de emprego destas caraterísticas e reiterou á Xunta e Deputación a súa obriga de investir en políticas activas de emprego na cidade.