Escoitar

O Concello inicia a recuperación da concesión do restaurante da falecida Karina Falagan

A Xunta Local de Goberno aprobou o inicio do expediente de extinción da concesión administrativa do restaurante Jonathan, debido ao falecemento de Karina Falagan. Outro dos acordos tomados na reunión semanal do goberno pasa por dar luz verde á pavimentación do vial de acceso á presa de Eiras.

venres, 12 xul 2013
O goberno local incoou o expediente para a declaración de extinción da concesión administrativa do restaurante Jonathan, en Samil, debido ao falecemento da concesionaria, Karina Falagan. A partir de agora, darase traslado deste acordo aos herdeiros e interesados no procedemento para que poidan alegar e presentar a documentación que estimen convinte na defensa dos seus intereses. Segundo lembrou o alcalde, esta concesión foi outorgada polo Pleno municipal o 30 de agosto de 1976.

A Xunta de Goberno local tamén deu luz verde á pavimentación do víal de acceso á presa de Eiras, unha obra orzamentada en 45.000 euros, cun prazo de excución dun mes e comezo inmediato. Ademais, engadiu Caballero en rolda de prensa, tamén se autorizou ao concello de Fornelos a talar e retirar eucaliptos nas inmediacións deste encoro, de titularidade municipal.


Caballero tamén deu conta da aprobación de tres convenios de colaboración por importe superior a 31.000 euros con tres colectivos da cidade. A Federación de Peñas Recreativas El Olivo recibirá 15.000 euros, a Fundación Igual Arte, 13.500 e, por último, a Asociación do colectivo veciñal percibirá 2.885 euros.


Xerencia
A Xerencia de Urbanismo desta mañá deu luz verde á dúas axudas para a rehabilitación doutras tantas vivendas no Casco Vello por importe de preto de 20.000 euros, nas rúas Méndez Núñez e Poboadores. Ademais, explicou o rexedor, concedéronse 23 licenzas de obras e 3 de actividade para un investimento de 1,6 millóns de euros.

Durante a reunión semanal de Urbanismo, tal e como enfatizou o alcalde, tamén se deu conta de xeito oficial da sentenza do Tribunal Supremo que ratifica a legalidade do Plan Xeral de Ordenación Urbana.