Escoitar

O goberno local aporta 900.000 euros anuais a reparacións de centros de infantil e primaria

A Xunta de Goberno local aprobou 285.304 euros para o mantemento ordinario dos centros públicos, unha cantidade que xestionan os propios directores. Asimesmo, a esta cifra súmanse outros 600.000 euros que o Concello adica a obras realizadas directamente pola administración local.

martes, 26 mar 2013
O Goberno local aprobou o procedemento para a xestión directa polos consellos escolares de mantemento ordinario dos centros públicos de educación infantil e primaria de Vigo. Tal e como explicou o alcalde, a Xunta de Goberno local do 22 de marzo autorizou un gasto de 285.304 euros para que os directores dos centros para que poidan acometer obras de mantemento, conservación, reparación e seguridade nas instalacións. Na súa comparecencia, Caballero lembrou que o Concello aporta outros 600.000 euros para obras que realiza directamente a administración local, o pago da electricidade e o gasóleo, así como a limpeza dos centros. A esta aportación municipal "de enorme envergadura" co ensino público, hai que engadir 1.7 millón en bolsas de comedor e 1,1 millóns para boldas de inglés.

Asimesmo, a Xunta de Goberno deu luz verde tamén aos proxectos de colaboración cos clubs de élite AMFIV e Vigo Rugby Club, de 35.000 e 30.000 euros, respectivamente. Unha cifra que se enmarca dentro da colaboración municipal con distintos equipos de élite da cidade e á que se suman 600.000 euros para apoiar ao deporte de base. Tamén se aprobou, tal e como dixo o rexedor, un convenio de 25.000 euros con Acopovi (Asociación de Corais Polifónicas de Vigo) para a organización de Vigo, un mar de corais para o ano 2013.

Durante a rolda de prensa desta mañá, Caballero tamén aludiu aos 270.984,19 euros que aprobou o Goberno dentro do convenio de cooperación coa Entidade Menor de Bembrive. Por último, referiuse a adxudicación de 22.500 euros para sufragar os gastos das ludotecas de Lavadores e Coruxo.