Escoitar

Concerto da ORQUESTRA VIGO 430

Este mércores, 20 de marzo, ás 21,00h, terá lugar no auditorio Martín Codax do Conservatorio Superior de Música (rúa Manuel Olivié 23), o segundo concerto da Orquestra VIGO 430, dentro do seu Programa Sinfónico de Primavera, que conta coa colaboración da Concellería de Cultura e Festas.

luns, 18 mar 2013
1363599157carteloncerto.jpg
O concerto contará co solista violoncello, CHRISTOPHE COIN, unha das escasas personalidades que se mantiveron en primeira liña da actualidade musical desde 1990 ata hoxe. Está considerado como un músico excepcional: moitas das súas gravacións co cuarteto Mosaïques adicadas á música vienesa do século XVIII recibiron as máximas distincións e foron consideradas como versións de referencia. As súas gravacións das Cantatas de Bach con Violoncello piccolo foron universalmente aclamadas pola crítica.

Christophe Coin está recoñecido como un dos máis importantes artistas da actualidade. A partir do seu primeiro premio como violoncellista no Conservatorio de Paris en 1974 -no que estudou con André Navarra- perfeccionou os seus estudos con Nikolaus Harnoncourt na Academia de música de Viena, e con Jordi Savall na Schola Cantorum Basiliensis. Como solista, Christophe Coin toca regularmente cos máis importantes directores e as máis prestixiosas agrupacións, tales como o Concentus Musicus de Viena (Nikolaus Harnoncourt), Hespérion XX (Jordi Savall) e The Academy of Ancient Music (Christopher Hogwood).

No concerto, baixo a dirección de Alejandro Garrido, interpretaranse obras de Mozart (Abertura de "O rapto no serrallo"), Lalo (Concerto para violoncello e orquesta en re menor) e Beethoven (Sinfonía nº 7 La maior, op. 92).

As entradas están á venda na Central de Espectáculos (rúa Velázquez Moreno, 26), ben no seu despacho de billetes ou na web "www.centralespectaculos.com", a un prezo de 10 € anticipada e 12 € no despacho de billetes. Os estudantes, parados e pensionistas que así o acrediten, terán entrada reducida a 9 € e 11 €, respectivamente. Tamén haberá a posibilidade de abonos para os catro concertos do ciclo a un prezo de 34 € (ou 30 € para estudantes, parados e pensionistas).
Descargar todas as imaxes

Máis información