Escoitar

O goberno local concede 312.000 euros a colectivos de atención social

Tras a celebración da Xunta de Goberno deste venres, o alcalde deu conta da concesión de 312.000 euros de axudas a AFAN, o Banco de Alimentos, os Hermanos Misioneiros dos Enfermos Pobres e Érguete. O goberno tamén contratou a xestión das ludotecas de Coia e a Casa da Xuventude.

venres, 15 mar 2013
1363352580alcalde.jpg
Abel Caballero informou da achega concedida para 2013 e 2014 a AFAN, a Asociación Freixeiro de Axuda ao Necesitado, por importe total de 110.000 euros. O Banco de Alimentos percibe 43.000 euros do Concello de Vigo, ao que o alcalde sumou o importe do aluguer da nova nave na que traballa a entidade.

Caballero apuntou que os Hermanos Misioneiros dos Enfermos Pobres, na súa función de acollida ás persoas sen fogar, reciben do goberno de Vigo 114.000 euros en concepto deste e do próximo ano. Por último, o Concello apoia a Érguete, asociación de axuda ao toxicómano, con 45.000 euros.

Ludotecas
O Concello de Vigo tamén acordou na sesión da Xunta de Goberno Local deste venres contratar o servizo de xestión das ludotecas municipais da Casa da Xuventude e de Coia por 302.000 euros por dous anos, prorrogables polo mesmo periodo.

Caballero explicou que son seis as persoas que traballan en ambos centros, que ofertan de xeito gratuito unhas 90 prazas para rapaces de entre 4 e 12 anos. O Concello dispón doutros dous centros destas características, en Lavadores e en Coruxo.

Zamans
O goberno de Vigo tamén aprobou o expediente de contratación da humanización do entorno da igrexa de Zamáns, reforma cun importe de 270.000 euros, e que incrementará o espazo peonil e o número de árbores, respectando seis exemplares de arces brancos existentes.
Descargar todas as imaxes