Escoitar

O Pleno polo 8 de Marzo expuxo a situación das mulleres en nove temas de interese e actualidade

A sesión plenaria polo Día Internacional das Mulleres contou este venres coa benvida do alcalde, Abel Caballero, e a presidencia da edil de Igualdade, Isaura Abelairas, entre outros corporativos. Nove colectivos do Consello municipal da Muller plantexaron distintos temas de interese para a muller.

venres, 8 mar 2013
1362747883pleno.jpg
O Pleno deste ano estivo marcado polos actos de celebración do 150 aniversario da publicación en Vigo de "Cantares Gallegos", pois no salón de plenos estivo presente o facho que simboliza a luz do Rexurdimento iniciado coa obra de Rosalía de Castro.

Tras as verbas de benvida do alcalde de Vigo, a concelleira de Igualdade deu paso á súa antecesora no cargo, a tamén edil Chus Lago, que deu lectura ao manifesto redactado polo presidente da Fundación Rosalía de Castro, Anxo Angueira, co gallo desta efeméride das letras e da cultura galega.

Posteriormente, as nove asociacións que forman parte do Consello municipal da Muller tomaron a palabra e expuxeron distintas cuestións de interese sobre a situación da muller, como por exemplo a violencia de xénero, emprego e conciliación ou os logros do feminismo para a sociedade.

A sesión rematou cunha homenaxe a Carmen Segurana, presente hoxe no Pleno e premiada este ano coa primeira edición do galardón Ernestina Otero polo seu traballo e traxectoria no eido da igualdade.
Descargar todas as imaxes