Escoitar

Vigo celebra o Día Internacional das Mulleres con música, roteiros e tapas no Casco Vello

Xunto ao alcalde de Vigo, a concelleira de Igualdade e presidenta do Consello Municipal da Muller, Isaura Abelairas, presentou hoxe martes a programación para o venres, 8 de marzo, e o sábado, onde o Casco Vello acollerá actividades infantís, roteiros en feminino e música.

martes, 5 mar 2013
1362487852mulleres.JPG
Abel Caballero e Isaura Abelairas presentaron este martes o programa de actos polo Día Internacional das Mulleres, acompañados por María Xosé Queizán e Concepción Regueiro, en representación do Consello Municipal da Muller que preside a concelleira de Igualdade.

Baixo o lema "os dereitos das mulleres son os dereitos do mundo", a programación procura "visibilizar" o traballo pola igualdade de homes e mulleres mediante actividades de carácter institucional e festivo, para todos os públicos.

Desde onte, e ata o venres, distintos establecementos do Casco Vello ofrecen as "tapas de igualdade" creadas para a ocasión, en colaboración coa Asociación de Comerciantes e Hosteleiros "Vigo Vello". Durante esta semana, estase a celebrar como novidade un maratón de tuits pola Igualdade co hashtag #VigoIguala.

O venres, ás 10 horas, terá lugar no Concello de Vigo a tradicional sesión plenaria do Consello Municipal da Muller, e ás 22 horas, no Hotel Coia, entregarase o premio Ernestina Otero a doña Carmen Segurana pola súa traxectoria en defensa dos dereitos das mulleres e da igualdade.

O sábado, ás 12:30 horas, partirá da praza da Constitución o primeiro Roteiro en Feminino "Sons de Mulleres", guiado por María Casar. Entre as 17 e as 20 horas, o mesmo espazo do barrio histórico vigués será a sede do espazo lúdico de Igualdade, unha mostra colectiva realizada polo alumnado de Secundaria, con actividades e xogos para os máis pequenos.

Na tarde do sábado, a Festa da Igualdade levará ao Casco Vello vigués unha xornada de convivencia e reivindicación, desde ás 20 horas. O público asistente poderá gozar de música tradicional co grupo Tanxedoras, previo á leitura do manifesto do Consello Municipal da Muller, ás 20:45 horas na praza da Constitución. Desde ás 21 horas, música soul a cargo de Aysha, blues e canción de autora por Sés e de 23 a 24 horas o rap da viguesa Aíd.
Descargar todas as imaxes

Máis información