Escoitar

Participación Cidadá organiza unha xornada sobre as diferencias e horizontes comúns do tecido asociativo

luns, 11 nov 2002
No marco do Plan de Formación para ONLs 2002 - 2003, o día 14 de novembro ás 19:30 H, celebrarase no Centro de Servicios Sociocomunitarios Casco Vello (Oliva 12) unha xornada que, co título ‘Trazos diferencias e horizontes comúns do tecido asociativo en Vigo’, pretende constituírse nun lugar de encontro e reflexión en común das Organizacións Non Lucrativas do noso municipio.

O desenvolvemento da xornada xirará en torno a unha mesa redonda onde terán presencia tres sectores asociativos: o feminista, o veciñal e as asociacións de apoio ó colectivo de minusválidos. Participaran de catro representantes dos distintos sectores: Begoña Rodríguez Caldas, do Colectivo de Mulleres Feministas Donicela: Fernando Seixo Fernández, presidente da Federación Veciñal Eduardo Chao: Joaquín Pesqueira Martín, presidente da Federación de Asociacións de Minusválidos Físicos de Pontevedra, e Anxo Queiruga Vila, vicepresidente de COGAMI.

Na mesa abordaranse distintas cuestións que ofrecen un perfil completo da traxectoria e situación das asociacións presentes: cales son as principais características de cada sector asociativo (obxectivos, estratexias, actividades, recursos...), cales os logros acadados ao longo da súa historia, e cales os principais retos actuais, as dificultades coas que se atopan e o papel que pode xogar a formación na superación destes problemas.

A xornada está dirixida ao conxunto do sector asociativo vigués e contará coa presencia da Concelleira de Participación Cidadá, María Dolores Cabaleiro. Será tamén unha oportunidade para coñecer os programas dos dous próximos cursos do Plan de Formación para ONLs, ‘Tecnicas de Dirección Estratéxica e por Obxectivos’ e ‘Captación de fondos nas Onls’.