Escoitar

A comunidade educativa disporá de novos recursos no programa Ciberlingua

luns, 11 nov 2002
imx1970.jpg
O Concello de Vigo participa na nova edición de Ciberlingua, un programa innovador de dinamización lingüística destinado á comunidade educativa baseado no coñecemento e difusión do emprego de internet e dos recursos que ofrece en galego. O Concello achega 17.500 euros nesta edición.

Ciberlingua pretende levar á escola a sociedade da información e comunicación a través de accións formativas dirixidas ao profesorado, pais e alumnado, á vez que se pretende lograr a normalización lingüística mediante a consolidación do galego como lingua habitual en todos os ámbitos comunicativos e tecnolóxicos.

Logo do éxito de participación e de difusión que tivo o ano pasado Ciberlingua, nesta nova edición realizaranse obradoiros de internet para o profesorado en dous niveis, o que permitirá a adaptación aos coñecementos que ten o profesorado. Ademais, abrirase unha nova convocatoria de obradoiros para que os pais se acheguen á rede desde unha óptica galega.

Introduciranse obradoiros de materiais educativos multimedia dirixidos ao profesorado qeu queira aprender a elaborar ferramentas informáticas para a aprendizaxe.

Outra das novidades deste curso van ser os obradoiros de CLIC destinados ao profesorado que queira traballar con este software informático nas súas aulas.

Para o alumnado desenvolveranse as sesións de Ciberlingua nas que os rapaces de primeiro ciclo de ESO, dentro dun ambiente lúdico, van utilizar recursos informáticos en galego.

Toda esta oferta formativa complétase coa edición de material como unha guía de introducción a internet, CD con software galego, guías de recursos...

Ciberlingua é froito da suma de vontades dos concellos de Vigo, Pontevedra, Santiago, Lugo e Ferrol xunto coa Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS-PG), a Confederación Intersindical Galega do Ensino (CIG-Ensino) e galego21.org

Os interesados poden dirixirse a ofi.normalizacion@vigo.org ou consultar www.ciberlingua.org
Descargar todas as imaxes