Escoitar

Segunda conferencia do Foro Are-More 2002 dedicado a Teresa Berganza

luns, 11 nov 2002
”A maxia do seu canto en imaxes” é o título da segunda conferencia do Foro Are More dedicado a Teresa Berganza e que estará a cargo de José Victor Carou, crítico musical da revista Ópera Actual e presidente da Asociación Galega da Lírica ”Teresa Berganza”. A conferencia será no Cine Fraga Caixa Galicia o martes, día 12, ás 20:00.

José Víctor Carou Fernández

Naceu en Santiago de Compostela en 1967, cidade onde cursou a licenciatura en Medicina e Cirurxía, especializándose posteriormente en Medicina Familiar e Comunitaria. Dende 1997 desempeña profesionalmente as funcións de médico coordinador de urxencias sanitarias na Central de Urxencias 061 de Galicia.

É socio fundador e presidente, dende a súa creación en decembro de 1996, da Asociación Galega da Lírica Teresa Berganza, entidade cultural sen ánimo de lucro que ten como principal obxectivo o fomento e a promoción da arte lírica e demais manifestacións musicais.

No desempeño das súas funcións, ademais de cinco tempadas estables de concertos e catro edicións do Ciclo de Novos Intérpretes, organizou tres edicións do Ciclo de Lied e o primeiro Festival de Zarzuela de Santiago de Compostela, catro edicións de “Unha pequena historia da ópera” celebrada en Lugo e o ciclo “Verdi 2001, a ópera cen anos despois” en Santiago de Compostela.

Está en posesión do título do Máster en Dirección e Xestión de Entidades Sociais, Culturais, Sanitarias e Socioeconómicas da Universidade San Pablo CEU e, a pasada tempada, iniciou a súa andaina profesional no campo da xestión musical coa organización, encomendada pola Fundación Caixa Galicia, do ciclo Outono Lírico nas cidades de Lugo e Ferrol. Así mesmo, é o actual director artístico do Festival de Música Cidade de Lugo “Semana do Corpus”.

É director e membro do consello de redacción da revista Cavatina, única revista editada en Galicia e en galego adicada á música clásica e a ópera da que xa se publicaron catorce números. Colabora como crítico musical nas revistas especializadas en música clásica de maior difusión a nivel nacional, Scherzo e Ópera Actual .

Coordinou a publicación dos libros “O lied e a canción de cámara nas Cidades Europeas da Cultura”, “Viena, cidade de músicos” e “A canción inglesa, Let the music florid praise!”, editados en Santiago de Compostela coincidindo coa celebración dos ciclo de concertos do mesmo nome, e as publicacións correspondentes ás catro edicións de “Unha pequena historia da ópera”, do “Outono Lírico” de Lugo e Ferrol e do “Festival de Zarzuela” de Santiago.

Ademais da participación en numerosas publicacións no campo da mediciña, é autor de artigos e programas de man para a Universidade de Santiago de Compostela, Consorcio para a Promoción da Música da Coruña, Auditorio de Galicia de Santiago, Festival Mozart da Coruña, Asociación Galega da Lírica, Lugo Cultural, Festival Are More de Vigo, etc.

Foi convidado para impartir conferencias sobre temas operísticos pola Asociación de Amigos da Ópera da Coruña, a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade Rei Juan Carlos de Madrid e a Fundación Universidade Complutense de Madrid.