Escoitar

O magosto do Berbés estará amenizado polo grupo Xuntanza e as Cantareiras do Berbés

venres, 8 nov 2002
imx1961.jpg
Castañas
A Concellería de Festas e Animación Sociocultural patrocina o magosto que se celebrará o 9 de novembro de 18:00 a 22:00 na praza do Berbés. Esta festa, organizada pola Federación de Peñas Recreativas ”El Olivo”, estará amenizada polo grupo de danza Xuntanza e as Cantareiras do Berbés. A presidenta de ”Érguete”, Carmen Avendaño, será a encargada de ler o pregón.

O magosto é a festa de exaltación da castaña que leva asociados moitos elementos presentes en diversos ritos e tradicións. Esta festa celébrase reuníndose os asistentes para asar as castañas e seguidamente comelas, xogar, bailar, contar contos ou cantar.

As castañas poden asarse no lume directamente ou meténdoas nun recipiente metálico con furados que permita darlles voltas sobre o lume. É común tiznarse a cara uns ós outros cos restos da fogata e saltala para que dea boa sorte. A festa do magosto ten ingredientes dos rituais celtas: o lume e a coincidencia co fin do verán.

A castaña é o froito do castiñeiro, árbore da familia das fagáceas e de nome científico Castanea sativa. O castiñeiro é unha árbore de crecemento relativamente lento moi abundante en Galicia e, en xeral, en todo o norte de España.

Tipos de castañas:
BOLECOS: Castañas non comestibles, pequenas e aplastadas, que só teñen pel.
BARAIS: Duras pero que adoitan ser moi saborosas.
BRAVAS: Son os froitos dos castiñeiros sen enxertar.
TEMPERÁS: Redondas e pequenas, nacen antes cás outras.
RAÑUDAS: Alongadas e claras.
PILONGAS: Son secas e duras.
CASTAÑAS DAS BRUXAS: Son as dos castiñeiros de Indias. Con elas fanse monecos e disque traen boan sorte. As súas propiedades son coñecidas nos tratamentos de saúde e estética na mediciña tradicional.

Estes nomes non se poden considerar exactamente variedades e só designan froitos de exemplares distintos.

A castaña posúe propiedades tónico-vasculares, reconstituíntes e tamén antiinflamatorias.
Por tanto, é beneficiosa para a memoria e moi indicada en casos de desgaste físico, depresións, problemas de próstata, varices e hemorraxias.

MÁIS INFORMACIÓN
Descargar todas as imaxes