Escoitar

Medio Ambiente e Patrimonio Histórico deseñan unha ”Ruta das mámoas”

xoves, 7 nov 2002
O concelleiro de Medio Ambiente, Amador Fernández, presentou o itinerario da ”Ruta das mámoas” que pretende dar a coñecer a necrópole megalítica do monte da Madroa. Realizarase unha visita, guiada por arqueológos, o sábado 9 de novembro con saída ás 17:00 desde a entrada de Vigozoo.

Fernández destacou que se pretende pór en valor o patrimonio histórico cunha proposta de percorrido para visitar monumentos megalíticos con 5.000 anos de antigüidade. Na primeira visita guiada, un arqueólogo explicará a metodoloxía científica e ofrecerá información das diversas excavacións realizadas e dará a coñecer os resultados das últimas investigacións.

Medio Ambiente e Patrimonio Histórico sinalizaron cada monumento funerario para atender as necesidades de orientación, información, educación e recreación que precisan os excursionistas interesados en coñecer este legado histórico. Os paneis de sinalización conteñen tamén a diversidade de usos de servicios e instalacións existentes no Parque das Ciencias Naturais da Madroa e melloran a calidade das visitas.

Nestes paneis explícase que as antas ou dólmenes son conxuntos de grandes pedras, restos de monumentos funerarios orixinalmente cubertos por terra conformando un túmulo semiesférico coñecido como madroa ou mámoa. Nalgúns casos contaban cunha coiraza de pedras e un corredor orientado ao nacente. As paredes interiores estaban recubertas cunha capa de arxila branca sobre as que se presentaban símbolos. Moitas das madroas foron profanadas para reutilizar as laxes ou, nalgúns casos, para buscar os tesouros dos míticos seres que habitaban estas casas do inframundo, os mouros.

As mámoas galegas foron construídas hai entre 3.800 e 5.000 anos por unha sociedade neolítica caracterizada por ser sedentaria, pescadora, agrícola e gandeira. Estes lugares servían en primeiro lugar para albergar os restos de persoas sobranceiras. Os túmulos aparecen agrupados en necrópoles que vinculaban a comunidade cun territorio delimitado. Os restos humanos se acompañaban de ferramentas, útiles e armas propias dunha actividade cinexética que constituía naquel momento unha actividade cun carácter ritual e simbólico.