Escoitar

Tódalas zonas de xogo da cidade cumpren as normativas de instalación, mantemento e seguridade

xoves, 7 nov 2002
imx1954.jpg
Programa
A Concellería de Parques e Xardíns participou en Santiago nunha xornada técnica sobre “Deseño, seguridade e mantemento nos parques infantís de Galicia”. Técnicos especialistas valoraron o grao de cumprimento do decreto da Consellería de Familia polo que se establecen normas de seguridade en parques infantís. Neste sentido, o técnico municipal participante en representación do Concello de Vigo afirmou que tódalas zonas de xogo existentes na cidade cumpren este decreto e, ademais, adecúanse á normativa europea.

O decreto 306/1997 establece as condicións mínimas de seguridade que deben reunir as áreas de xogo destinadas ao esparexemento dos menores. Nas normas xerais explícase que estas zonas deben estar protexidas do tráfico rodado mediante valados ou sebes, o chan deberá ser de materiais brandos como caucho, area ou céspede para amortiguar o contacto na baixada dos bambáns, tirolinas, carruseis... Ademais, deberanse eliminar as barreiras arquitectónicas facilitándolles o acceso aos menores con discapacidades.

A normativa europea UNE-EN 1176 especifica as características do equipamento das áreas de xogo, as medidas de seguridade para cada un dos elementos integrantes e as pautas sobre o mantemento dos mesmos. As casas comerciais tamén se preocupan por conseguir o certificado europeo de calidade, de aí que as áreas de xogo de nova creación xa cumplan esta normativa e as antigas se sometan a un proceso de adaptación no que se eliminan elementos soltos dispersos por xogos agrupados.

Parques e Xardíns cumpriu todos estes requisitos na cidade, polo que agrupou os xogos en áreas amplas delimitadas que facilitan o seu mantemento e a supervisión periódica, favorecen a interrelación social dos nenos e dispoñen de espacios de seguridade arredor de cada elemento ao dispoñeren de maior superficie. Adecuáronse tamén en Vigo os equipamentos das áreas de xogos e o revestimento das superficies para maior seguridade. A Concellería deseñou en cada área dúas zonas de xogo diferenciadas e adecuadas ás idades dos usuarios para cumprir tódalas recomendacións. Nestes momentos, estanse instalando carteis indicadores con información sobre o hospital máis próximo e revísanse as zonas de xogo de forma periódica para comprobar o seu estado e garantir a seguridade.

O Colexio de Enxeñeiros Técnicos Industriais prepara un diagnóstico para coñecer o cumprimento do marco normativo autonómico sobre seguridade en parques infantís e avanzar na súa mellora conforme á normativa europea, moito máis precisa.
Descargar todas as imaxes